Segue na UCI o único supervivente da colisión dun tren cun coche en Lugo
Os falecidos no sinistro tamén son dous mozos de León, de 19 e de 21 anos
Os veciños anuncian mobilizacións para esixir melloras no paso a nivel de Recimil
A Garda Civil de Tráfico continúa a investigar as causas do choque dun tren cun coche no paso a nivel de Recimil, en Lugo.
O único que sobreviviu ao suceso, un mozo leonés de 22 anos, continúa ingresado na UCI do HULA, mentres que os outros dous ocupantes do vehículo morreron: o condutor no intre, e o copiloto no hospital. Un tiña 19 anos e o outro, 21.
Os tres estaban a realizar prácticas nunha empresa contratada polo ADIF, que de madrugada botou terra na rampla de acceso ao punto onde se produciu o sinistro.
Ao día seguinte ao accidente, o paso a nivel segue coas mesmas medidas de seguridade, un sinal de stop e unhas aspas para os coches, e outro que lles indica aos maquinistas que deben pitar.
Ante o acontecido, os máis de 200 veciños das parroquias luguesas de Recimil e de Coeo anunciaron mobilizacións para esixir a instalación inmediata de, como mínimo, un semáforo ou unha barreira.
Os residentes na zona levaban xa décadas reclamando melloras. Durante este tempo, rexistráronse varios accidentes, algún de gravidade, aínda que ningún chegara a ser mortal ata este último.
No lugar do suceso está proxectado un paso subterráneo, pero polo momento o ADIF non concretou cando estarán rematadas as obras.