Remata sen éxito o terceiro día de busca do home desaparecido no Lérez
Remata sen éxito o terceiro día de busca do home desaparecido no Lérez
No operativo do Lérez traballan os mergulladores dos GEAS e os da Policía Autonómica Galega
José Manuel Penas Balchada afundiuse na súa canoa o venres ás 12:20 h entre as pontes da Correntes e do Burgo
No Lérez concluíu sen éxito a terceira xornada de busca de José Manuel Penas, o padexeiro que desapareceu a bordo da súa piragua. Foi visto por última vez entre as pontes pontevedresas do Burgo e das Correntes.
A canoa de José Manuel Pena agarda precintada nas instalacións do club naval de Pontevedra. A terceira xornada da busca do padexeiro concluíu como as dúas que a precederon. Sen que aparecera o corpo. Coa nova hora o operativo do domingo levántase contra as sete menos cuarto. Nunha quenda intensiva de nove horas revisaron a zona cero do incidente, e despois foron inspeccionando outras zonas na bocana da ría.
"Todo se repasa e se revisa porque ao haber diferentes mareas, preamar e baixamar, e as correntes, calquera obstáculo no que puidera quedar enganchada a persoa pode volver moverse", explica a TVG Vicente Ferrería, o xefe do Servizo de Bombeiros de Pontevedra.
Despois dunha semana de tormentas e co caudal moi crecido hai moito lodo no fondo. Os mergulladores enfróntase nesta misión á pouca visibilidade.
"Estamos acostumados a mergullarnos ás escuras, e rastrexamos todo o fondo cos cabos lastrados que levamos. Entón é atoparnos co que se busca", conta o brigada xefe do GEAS, Celestino Gago.
"En superficie o que estamos é ampliando a zona da busca. A medida que pasan as horas e os días tamén existe a posibilidade de afloramento do corpo", di o xefe do Servizo de Bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería.
O luns sairán á auga unha vez máis. Será o cuarto día de busca. Como este domingo intentarán sumar a claridade coa marea baixa para inspeccionar nas profundidades, con inmersións dos mergulladores, e tamén na superficie.