Publicador de contidos
Publicador de contidos

Folga de buses en Galicia, con "seguemento masivo" e acusación de incumprimento de servizos mínimos

Folga de buses en Galicia, con "seguemento masivo" e acusación de incumprimento de servizos mínimos

A Federación Galega de Transportes afirma que non permitiron dar cumprimento aos servizos mínimos

Os traballadores reclaman negociar os catro convenios e as táboas salariais

G24.gal 31/03/2023 13:06 Última actualización 31/03/2023 16:30

A folga do sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada desenvólvese cun seguimento "masivo", por riba do 90%, nas catro provincias, segundo as tres organizacións sindicais que convocan o paro (CIG, UXT e CC. OO.).

Pola súa banda, a Federación Galega de Transportes (Fegatramer), valora que "discorre con normalidade", aínda que nas cidades bloqueáronse as saídas, en particular as estacións, e "non permitiron dar cumprimento nin aos servizos mínimos", en palabras do seu portavoz, Carlos García Cumplido. De feito, segundo datos achegados pola Xunta, dos case 2.500 servizos mínimos previstos ata as 09:00 da mañá, só funcionaron o 40%.

Os traballadores reclaman negociar os catro convenios colectivos provinciais e as táboas salariais, que, segundo apuntan, levan sen actualizar dous anos no caso da Coruña e Pontevedra e cinco no de Lugo e Ourense.

Os sindicatos explican que a patronal ofrece unha subida salarial dun 0,8%, mentres que o IPC subiu en Galicia un 6,4% entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023, sen cláusulas que garantan o mantemento do poder adquisitivo.

Outras razóns para convocar o paro son a denuncia da situación precaria do sector, en condicións laborais e na prestación do servizo, e dos problemas de seguridade nos autobuses.

A folga afecta o transporte interurbano, ao metropolitano, aos servizos escolares e a proximidades, así como ao urbano de Santiago e Lugo, onde se rexen polos convenios provinciais. Ademais, na cidade de Vigo, na que este venres empeza a fin de semana grande da Reconquista, coincide coa folga da concesionaria do bus urbano, Vitrasa.

A sensación nas estacións de autobús galegas entre os viaxeiros era de desconcerto, xa que moitos deles descoñecían a convocatoria de folga, especialmente aqueles usuarios procedentes de fóra da comunidade.

Aínda que houbo menos movemento nas terminais, nalgúns puntos, como a estación intermodal de Vigo, houbo momentos de cola ante os mostradores de información das compañías.
 

A folga tamén provocou un transvasamento de afluencia das estacións de autobús ás de tren, aínda que os trens teñan esgotadas as súas prazas desde hai días, por mor do uso dos bonos gratuítos para viaxeiros recorrentes por parte de Renfe.

Rueda pide que se respecten os servizos mínimos 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo un chamamento para que se respecten os servizos mínimos decretados para a folga de autobuses.

E fixo “un chamamento á responsabilidade nun servizo tan fundamental como é o transporte público de viaxeiros”.

“Todo o dereito de folga decae se non se respecta ese dereito fundamental dos usuarios duns servizos mínimos”, dixo Rueda.

O presidente afirmou que se trata dunha “folga convocada legalmente” e manifestou o seu respecto a quen decidiu secundala.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade