Atopan con vida o pescador de 76 anos que buscaban en Navia de Suarna
Atopan con vida o pescador de 76 anos que buscaban en Navia de Suarna
A Garda Civil primeiro localizou o coche do desaparecido e atopou no interior o seu teléfono móbil
O veciño de Outeiro de Rei de 76 anos desaparecido desde o domingo en Navia de Suarna foi localizado con vida. A Garda Civil confirmou que o levaron a un centro médico para avaliar o seu estado de saúde.
O persoal do concello de Navia de Suarna atopou ao home a uns cinco ou seis quilómetros do lugar onde tiña estacionado o coche.
Ao parecer desorientouse e foi camiñando polo río "de arriba a abaixo", cando o habitual é que se faga en dirección contraria.
Carlos González, membro de Protección Civil de Cervantes:
"Hai moita maleza e é moi complicado porque hai moita pendente. E hai bastantes buratos, e puido escorregar nun deles".
Estaba nunha zona de difícil acceso e tiña algúns golpes, pero podía camiñar e falar.
Dous días de busca
Axentes da Garda Civil, persoal municipal e membros da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) buscaban este veciño de Lugo, un home natural de Marcelle (Outeiro de Rei) de 76 anos, que o pasado domingo marchou a pescar a Navia de Suarna e non regresou á súa casa.
A familia deu a voz de alarma pasada a medianoite, ao comprobar que o home non regresaba á casa e tampouco respondía ás súas insistentes chamadas.
A denuncia activou o dispositivo de busca dirixido pola Garda Civil, que permitiu localizar o coche do desaparecido, e atoparon no interior o seu teléfono móbil.