Seguimento masivo na segunda xornada de folga do metal de Lugo
Seguimento masivo na segunda xornada de folga do metal de Lugo
Os sindicatos esixen unha actualización dos salarios ao IPC para os traballadores do sector, uns 5.000 na provincia
Esta segunda xornada de folga do sector do metal tivo un seguimento do 90 por cento, segundo os sindicatos. Dous piquetes informativos percorreron á primeira hora deste martes o polígono lugués do Ceao no medio dun forte dispositivo policial. A mediodía unha manifestación partiu da sede da patronal no polígono da Campiña.
Comisións Obreiras, UXT e CIG convocan este paro para esixir dúas demandas: a actualización salarial ao IPC nos próximos tres anos e os atrasos pola actualización de 2022.
"O que temos enriba da mesa é o IPC real de 2022, que supón 1.100 euros de atrasos, e o IPC real para os anos seguintes, nada máis", explica José Luis López, de CCOO.
"Cando se fai a revisión do IPC xeras uns atrasos que lle corresponden aos traballadores, e a patronal está empecinada en que non quere pagar eses atrasos e que as revisións non se fagan ano a ano", advirte Alfonso Losada, da CIG.
Os sindicatos lamentan a falta de vontade negociadora da patronal e advirten que a protesta se encamiña cara a unha folga indefinida.
"Seguimos á espera, estamos en disposición para que nos chamen para sentar e seguir negociando, pero parece que nos están botando un pulo", lamenta Carlos García, de UXT.
O xoves está prevista unha nova convocatoria de paro no sector do metal da provincia de Lugo, que emprega uns 5.000 traballadores.