Seis accidentes en dez días na N-540 á altura de Guntín

Os veciños reclaman medidas para solucionar o mal estado de conservación da estrada nacional

O quilómetro 16 da estrada 540 xa levou a vida doutras persoas no pasado

G24.gal 10/11/2023 16:21

Así quedou o vehículo contra o que colidiu unha furgoneta onte pola mañá no quilómetro 16 da estrada nacional 540 á altura de Guntín. Nel viaxaba unha muller co seu bebé.

"Está recuperándose dos golpes con mazaduras, e iso que houbo moita sorte polo tipo de coche que levaba. Se chega a ser outro tipo de coche, pois evidentemente non se contaría", conta o tío da vítima.

A furgoneta saíu da vía e bateu contra o coche que viña de fronte. Pero non foi a única. Só nos últimos dez días, hai 6 atestados por accidentes nese punto quilométrico.

"Unha vez que empezou a chover, estanse indo continuamente vehículos nun punto en concreto. O firme está moi desgastado e iso fai que, imaxino que o peralte fai que os coches perdan o control, crucen o carril contrario e vaian por un noiro que hai do outro lado", explica María José Gómez, alcaldesa de Guntín.

"Disto como pasou onte, houbo varios, algún morreu, que marchou abaixo", lembra un veciño.

Falan deste desnivel duns 20 metros.

 "Se vos achegades ata alí poderedes ver como as árbores están, pois, peladas dos impactos que levan. Os coches van freando nas árbores. É tremendo, é tremendo", sinala a alcaldesa de Guntín.

Despois de dous accidentes o sábado pasado, o tramo quedou sinalizado para reducir a velocidade. Pero os veciños pensan que non é a solución. Levan anos protestando nas redes sociais polo mal estado de conservación desta estrada nacional que une as cidades de Lugo e Ourense, e reclaman unha intervención.

 "Precísao toda a estrada, pero ese punto é unha emerxencia", sentencia a alcaldesa, María José Gómez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade