Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sen rastro do padexeiro desaparecido no río Lérez, en Pontevedra

Sen rastro do padexeiro desaparecido no río Lérez, en Pontevedra

Mergulladores da Garda Civil sumáronse pola tarde á busca, de momento sen éxito

As condicións do río, coa auga moi turbia, complican os traballos

G24.gal 28/10/2022 20:14 Última actualización 28/10/2022 20:22

Saíra adestrarse como facía habitualmente no tramo urbano do río Lérez. Todo o mundo fala de José Manuel Penas, de 49 anos, como un experimentado padexeiro, pero segundo as testemuñas, debeu sufrir algunha indisposición. A súa piragua envorcou e caeu á auga. Intentou nadar e deulle tempo a pedir auxilio, pero foi ao fondo antes de que conseguisen axudalo.

Cóntao Eva Villaverde, concelleira de Protección Cidadá de Pontevedra: "Chamou unha testemuña dicindo que o vira caer á auga e que pedía axuda, que intentaba nadar, pero que foi ao fondo inmediatamente".

Vicente Ferreira, xefe de servizo dos Bombeiros de Pontevedra, confirma: "Mantívose aboiando uns minutos. Nós chegamos aquí en dous ou tres minutos, pero xa non o vimos".

Ao dispositivo sumáronse posteriormente mergulladores do Grupo Subacuático da Garda Civil. As condicións complicaron os traballos de busca, que se centraron no tramo entre as pontes do Burgo e a das Correntes.

"As condicións do río son malas, hai moita corrente, a auga está moi turbia e é difícil localizar algo", di Manuel Oimil, voceiro da Policía Local de Pontevedra.

Vicente Ferreira, xefe de servizo dos Bombeiros de Pontevedra, apunta: "Neste tipo de dispositivos a busca sempre se empeza polo lugar da desaparición, pero hai moita corrente e non sabemos onde pode estar nin canto pode durar o operativo de busca".

Os traballos suspendéronse cando caeu a noite e retomáronse este sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade