Sánchez, disposto a reunirse con Aragonès para resolver a crise pola espionaxe
Sánchez, disposto a reunirse con Aragonès para resolver a crise pola espionaxe
Mertxe Aizpurua (ERC) considera que a maioría que facilitou a investidura de Sánchez en 2020 quedou "tocada" tras o caso Pegasus
Cuca Gamarra (PP) lembroulle ao presidente do Goberno que o seu Executivo "naceu dun pacto diabólico" con aqueles que sabía que estaban a ser investigados
Pedro Sánchez di que o PP de Feijóo é "o PP de antonte", que estaba máis pendente de "parar ese famoso caderniño" do extesoureiro Luís Bárcenas
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, manifestou no Congreso que está disposto a reunirse co presidente da Generalitat, Pere Aragonès, ou a convocar a mesa de diálogo con Cataluña en canto a parte catalá así o decida, xa que sostén que a súa aposta polo diálogo é "total, absoluta e rotunda".
Así o respondeu a preguntas da portavoz de Bildu, Mertxe Aizpurua, quen considera que a maioría que facilitou a investidura de Sánchez en 2020 quedou "tocada" tras a polémica pola espionaxe a políticos independentistas. ERC, principal aliado parlamentario do Goberno de coalición, xa dixo que unha reunión de Aragonès con Sánchez e unha nova reunión da mesa bilateral axudarían a resolver esta crise.
Na súa contestación no pleno do Congreso, o presidente quixo deixar claro que a confianza do Goberno en restablecer o diálogo coas institucións catalás é "total, absoluta e rotunda", e expresou a súa disposición para reunirse con Aragonès ou convocar a mesa "cando considere tamén a parte catalá".
Quixo deixar clara a súa "total confianza" nas forzas de seguridade e lembrou que as últimas enquisas reflicten un apoio maioritario ao diálogo e unha caída do apoio á independencia en Cataluña. Aizpurua avisou de que "non é bo" para o goberno de coalición e para a lexislatura que esa maioría de investidura esté "tocada" e por iso aconsellou ao presidente "facer máis" para recompoñer a situación.
Sánchez, disposto a reforzar as garantías xudiciais do CNI
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mostrou este mércores no Congreso a disposición do Executivo para reforzar, como solicitou o PNV, as "garantías xudiciais" das operacións do Centro Nacional de Intelixencia co obxectivo de "mellorar a confianza" neste organismo.
"O Goberno está disposto a escoitar cantas propostas sexan necesarias para o reforzo de garantías xudiciais do CNI para mellorar a confianza que, desde logo, o Goberno non pon en cuestión", respondeu Sánchez na sesión de control ao Executivo no Congreso á pregunta do portavoz do PNV, Aitor Esteban.
O PNV anunciou este martes a súa proposta para actualizar a lei que rexe o CNI coas reformas tanto da norma que regula o centro de intelixencia como a lei Orgánica reguladora do control xudicial previo do CNI.
Na proposición de lei, que podería ser debatida nun próximo período de sesións, os nacionalistas vascos piden que sexa un órgano colexiado de tres xuíces quen autorice por unanimidade as intervencións do CNI con afección en dereitos fundamentais e que o organismo detalle ante os xuíces as características concretas dos medios que van ser empregados para que se poida aplicar o principio de proporcionalidade.
A proposta insta a que o director ou directora do CNI sexa proposto por quen ostente a presidencia do Goberno ante a responsabilidade política que implica este alto cargo e propoñen que para mellorar o control político que fai o Congreso a través da comisión de segredos oficiais, os deputados poidan coñecer tamén os medios empregados nas distintas intervencións que realice o CNI.
Sánchez apuntou que o programa normativo do Goberno contempla a modificación da lei de segredos oficiais. Durante a súa intervención o portavoz do PNV aconsellou a Sánchez que "se asegure ben" de que nin a Policía Nacional nin a Garda Civil contan co sistema de espionaxe Pegasus.
Sánchez lémbralle ao PP que foi "condenado por corrupción"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lembroulle este mércores no Pleno do Congreso que o PP foi "condenado por corrupción" e díxolle á voceira do Grupo Popular, Cuca Gamarra, que son o "Partido Popular de antonte", que estaba máis pendente de "parar ese famoso caderniño" do extesoureiro Luís Bárcenas.
Na sesión de control ao Goberno, Gamarra centrou a súa intervención na espionaxe do chamado caso Pegasus e lembroulle ao presidente do Goberno que o seu Executivo "naceu dun pacto diabólico" con aqueles que sabía que estaban a ser investigados. "Que lle vai conceder ao espiado Aragonès?", preguntou.
Gamarra manifestou que quedan "moitas incógnitas" que Sánchez ten que despexar sobre as investigacións do CNI tras o cesamento da súa directora Paz Esteban e asegurou que "non pode negar que estaba ao corrente de a quen se investigaba e por que". Emprazouno a aclarar que, se o sabía, que relación política estableceu e chegou cos investigados.
"É un auténtico disparate negociar a investidura cos que estaban sendo investigados polo perigo que supoñían para o Estado de Dereito", manifestou a dirixente do PP, para recriminar a Sánchez que nesas circunstancias lles "abrise a porta da Moncloa".
Sánchez, que lle recriminou a Gamarra que lle pregunte o mesmo que xa lle formulou Pablo Casado hai meses, sacou a relucir o "caderniño" de Bárcenas, e ante a axitación provocada na Cámara por aludir á condena por "corrupción" do PP, proclamou: "As verdades doen". Asegurou que o Partido Popular "de hoxe, onte e antonte practica a mesma oposición negacionista contra o interese xeral dos españois".