Rueda anuncia "axudas directas" nos orzamentos do próximo ano para que os mozos poidan emanciparse
Rueda anuncia "axudas directas" nos orzamentos do próximo ano para que os mozos poidan emanciparse
Rueda avanzou esta medida durante a sesión de control no pleno do Parlamento, na que engadiu que das vivendas que constrúa a Xunta en 2025, reservaranse para os mozos o 40 % das destinadas ao alugueiro e o 25 % no caso das que se poñan á venda
Rueda insta a Pontón a "poñerse brava" sobre a AP-9 tras recriminarlle ela ser "manso"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o ano que vén Galicia ofrecerá por primeira vez "axudas directas" para que os mozos poidan emanciparse, cuns "cartos" para que poidan afrontar os gastos que supón empezar a vivir de modo independente.
Rueda avanzou esta medida durante a sesión de control ao Goberno no pleno do Parlamento, na que engadiu que das vivendas que constrúa a Xunta en 2025 reservaranse para os mozos o 40 % das destinadas ao alugueiro e o 25 % no caso das que se poñan á venda.
As axudas á emancipación, que se incluirán nos orzamentos autonómicos para 2025, aínda están por concretar polo que a Xunta non especificou se será a través dun pago único ou unha renda.
Pero si que concretou que non serán un apoio económico para o pago do alugueiro, a diferenza da renda básica de emancipación estatal, senón para "gastos fundamentais" de empezar a vivir de maneira independente.
Rueda falou destas medidas en resposta a unha pregunta do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que lle advertiu da "encrucillada" na que se atopan moitos mozos galegos pola falta de emprego, os baixos salarios, ou a imposibilidade de acceder á vivenda, e puxo en valor as medidas do Goberno central nesta materia.
Para o presidente galego, con todo, o Goberno central non ten ningunha política para a mocidade "máis aló de dar algún cheque", mentres que a Xunta "pon cousas gratis para que todo sexa máis fácil", como a matrícula universitaria gratuíta ou o Carné Xove para o transporte.
Besteiro recriminou as políticas da Xunta sobre vivenda pública, a falta de execución das partidas orzamentarias, e lembrou os fondos que distribúe o Goberno nesta materia, polo que as vivendas comprometidas polo Executivo autonómico "non se van a facer con pulmón propio, senón con respiración asistida".
Ademais, reclamou a Rueda medidas a longo prazo, como "penalizar a especulación" ou "non obstaculizar" a aplicación da lei de vivenda estatal, así como establecer un marco de seguridade xurídico para os propietarios de maneira que se reduza a porcentaxe que teñen que pagar de alugueiro os mozos "dun 50 % a un 30 % do seu salario".
"Non deixen todo en mans de mercado e a iniciativa privada", advertiu o líder do PSdeG, que instou a Rueda a facer como o president da Generalitat, Salvador Illa, que comprometeu destinar 1.100 millóns de euros anuais a vivenda pública.
Na súa resposta, o presidente galegolembrou que, tal e como anunciou onte, o seu compromiso é triplicar as partidas destinadas a vivenda pública no orzamento do ano que vén e cualificou de "soberbia" considerar que os fondos europeos que xestiona España son do Goberno central.
Tamén insistiu en que a Xunta vai cumprir a lei de vivenda estatal "aínda que non lle guste", pero non pode declarar zonas tensionadas sen esperar á documentación dos concellos que establece a normativa.
Rueda insta a Pontón a "poñerse brava" sobre a AP-9 tras recriminarlle ela o ser "manso"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou á líder da oposición, Ana Pontón, a "poñerse brava" co Goberno central sobre o traspaso da AP-9, tras recriminarlle ela o ser "manso" tanto co Executivo de Aznar que tomou a decisión de ampliar a concesión, como coa concesionaria Audasa.
Na sesión de control ao Goberno, instou a Rueda a explicar por que encargou un informe a unha empresa que "traballa directamente para Audasa" sobre o custo de liberar esta autoestrada e acusoulle de "querer regalar 1.450 millóns de euros máis" á concesionaria, xa que outro estudo encargado polo BNG cifra o rescate máis barato nesa cantidade.
Para a portavoz nacional do BNG está claro que Rueda ten "a cara de cemento armado" tanto por este informe como porque 24 anos despois nin sequera é capaz de criticar a decisión do Goberno de Aznar de prorrogar a concesión ata o ano 2048 e de recoñecer o "dano" que o seu partido fixo a Galicia con esta decisión.
Rueda acusou a Pontón de estar "ancorada no pasado" e mesmo facer unha comisión de investigación no Parlamento para "revisar as derrotas electorais que lle meteu Feijóo", en referencia á que estudará os contratos das Xunta nos últimos anos. Así que lle pediu que "regrese ao futuro" e admita que perdeu as eleccións e o PSOE está a "tomarlle o pelo" nos sucesivos acordos para a investidura de Pedro Sánchez cos seus compromisos sobre a AP-9 e a redución das peaxes.
Pontón dixo que é Rueda quen ten que deixar de "rirse dos galegos" e de ser "manso co centralismo e con Audasa", xa que o PP leva "décadas boicoteando con saña tanto o traspaso como o rescate da AP-9" mentres critican ao BNG por conseguir "descontos históricos" nas peaxes.
O presidente galego devolveulle a acusación de "mansedume" co Goberno central e díxolle que agora ten unha boa oportunidade para poñerse "brava dunha vez" e esixir ao PSOE que apoie a iniciativa do Parlamento galego, que está a debate no Congreso, para reclamar a transferencia da AP-9 a Galicia. Así, instouna a facer unha "advertencia con consecuencias" e adoptar medidas se o PSOE "boicotea" este traspaso, en lugar de volver facer o "paripé de cada ano" co "calote da emendiña" ao dar o seu apoio a Sánchez para os orzamentos estatais, se ao final hainos.
"Estaremos moi atentos, porque unha vez pódena enganar, dúas veces xa a enganaron, pero cando a enganan máis veces corre o risco serio de pasar de vítima a corresponsable e cómplice", concluíu.
Pontón pedíralle a Rueda poñer fin á "estafa" da concesión da AP-9 e rescatar a autoestrada, porque é a "opción máis barata" xa que o informe encargado polo BNG cifra en 904,7 millóns de euros o custo deste rescate porque ese é "o seu valor de mercado". E replicou que para falar de pasado o que sofren os galegos co "día da marmota" de ter que pagar peaxe ata 2048.