Sete comunidades españolas están en alerta amarela por nevaradas
Sete comunidades españolas están en alerta amarela por nevaradas
A neve está a ocasionar problemas nas estradas, con cortes e restricións nunha trintena de vías secundarias
Hoxe temos un día frío en Galicia, con ceo cuberto e chuvascos. E a cota de neve vai ir baixando ata os 800 metros. Máis complicada é a situación nas 7 comunidades autónomas españolas que activaron o aviso amarelo polas nevaradas.
Están en risco en zonas do País Vasco, A Rioxa, Castela e León, Madrid, Navarra, Aragón e Cataluña. Nos Pireneos pódense acumular ata 10 centímetros de neve. E houbo mínimas moi baixas nalgúns puntos: desde os 8 graos baixo cero de Huesca ata os menos seis de Navarra ou os tres graos baixo cero de Áraba. Tamén hai avisos por chuvia nas Baleares.
A neve está a ocasionar problemas nas estradas. A DXT avisa de cortes e restricións nunha trintena de vías secundarias de Andalucía, Asturias, Cantabria, ou A Rioxa. Tamén na N-230, en Lleida, e na autovía Mudéjar, en Aragón, que suspendeu un cento de rutas de transporte escolar. A cota baixa... e podería nevar en cidades como Burgos, Soria, Segovia, Vitoria ou Pamplona.