Sete detidos en Ourense por roubo de cable, tráfico de drogas e posesión ilícita de armas
Sete detidos en Ourense por roubo de cable, tráfico de drogas e posesión ilícita de armas
Os axentes apresaron cen toneladas de cobre de instalación de telefonía, ferramentas utilizadas para a comisión dos roubos, 22.500 euros en efectivo e drogas
Aos arrestados atribúenselles delitos por pertenza a grupo criminal e 57 delitos agravados de furto de cable de cobre, entre outros
A Garda Civil de Ourense desmantelou un grupo criminal formado por polo menos sete individuos que se dedicaba a furtos de cable de cobre, tráfico de drogas e cuxos integrantes posuían armas de forma ilícita.
Aos detidos, no marco da Operación Filium, atribúenselles delitos por pertenza a grupo criminal, 57 delitos agravados de furto de cable de cobre, roubo con forza nas cousas, outro contra a saúde pública (tráfico de drogas) e posesión ilícita de armas, ademais de depósito de municións.
Segundo informou o instituto armado, a investigación desenvolvida pola Unidade Orgánica da Policía Xudicial levouse a cabo entre os meses de novembro de 2022 e novembro de 2023 na provincia de Ourense e en Portugal.
É a maior operación contra o tráfico de cobre, segundo os rexistros da Garda Civil de Ourense: 57 delitos contra o patrimonio, cen toneladas de cobre valoradas en máis de medio millón de euros, e milleiros de afectados nas comarcas da Limia e Monterrei. Segundo os cálculos das compañías provedoras, cen mil fogares quedaron sen teléfono e Internet, empresas, oficinas de Correos e 20 centros de saúde.
Juan José López Castro, Xefe da Policía Xudicial de Ourense: "Por referirnos a un día, o 24 de maio víronse afectados 11 centros de saúde, que quedaron sen comunicación. Tamén 36 empresas, as centraliñas, centros loxísticos...".
Javier de la Fuente, Xefe de Patrimonio da Unidade Técnica da Policía Xudicial: "Hai que destacar, ademais, que houbo un lucro cesante superior a 240 mil euros".
Nos rexistros, efectuados en domicilios de Xinzo de Limia e Verín, os axentes apresaron cen toneladas de cobre de instalación eléctrica, ferramentas utilizadas para a comisión dos roubos, 22.500 euros en efectivo, unha báscula de pesada, 270 gramos de marihuna, 67 gramos de haxix, unha báscula de precisión e útiles para a distribución polo miúdo de substancias estupefacientes.
Tiñan dúas células con dous métodos diferentes de operar.
Rafael Belguillo Esquina, Comandante da Garda Civil de Ourense: "Un deles era o corte do poste que sustenta o cobre, coa tirada do poste e a recollida do cobre, e outro cortando directamente o cable tensor".
Ademais, localizaron unha arma prohibida (bolígrafo pistola calibre 22), cartuchos e diversa documentación e tamén vestimenta relacionada cos ilícitos penais investigados.
Catro están no cárcere, entre eles o presunto receptador do cobre roubado, que acababa en distintos centros de xestión de residuos sólidos.