Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sevilla e outra ducia de localidades rozan os 45 graos no terceiro día da vaga de calor

Sevilla e outra ducia de localidades rozan os 45 graos no terceiro día da vaga de calor

O pico acadouse este mércores, pero as temperaturas extremas continuarán un par de días

O sol esmecha no interior de Galicia

G24.gal 09/08/2023 20:43 Última actualización 09/08/2023 21:40

Termómetros a corenta graos en Bilbao e noutros puntos de Biscaia, Guipúscoa ou Burgos. O norte non se librou do peor día desta terceira vaga de calor do verán. Na cornixa cantábrica agardan a chegada de galernas que poderían facer descender os termómetros quince graos en só uns minutos.

Cara ao sur peninsular os termómetros superaron os 44 graos. Fontes e parques convertéronse no punto de confluencia dos que saíron da casa buscando un alivio que non tiveron durante a noite. En amplas zonas do interior e do sur de España as mínimas non baixaron dos 27 graos.

Un problema para a saúde agravado en puntos de interior pola presenza de calixe, pó, sol e calor, que dificultan os traballos no exterior. A vaga de calor acadou o pico, pero continúa.

"Xoves e venres serán aínda xornadas moi calorosas, especialmente no leste e no sur da península, con temperaturas que poderán superar os 42 a 44 graos", explican desde AEMET.

E cando a vaga de calor comecen a remitir na penínsulam de cara á fin de semana as temperaturas dispararánse nas illas Canarias. No arquipélago agardan temperaturas de ata 40 graos que poden non baixar dos 30 durante a noite.

E o aviso amarelo continúa nalgunhas zonas de Lugo e Ourense

A onda de calor que afectou Galicia desde a pasada fin de semana despídese da Comunidade deixando este mércores temperaturas máximas que rozaron os 40 graos e mínimas arredor dos 20 graos.

A alerta amarela por máxima por encima dos 36 graos rematou ás 21:00 horas deste mércores e, segundo informa Meteogalicia, non se espera ningunha alerta deste tipo nos próximos días.

A temperatura máis alta da xornada rexistrouse en Ribas de Sil (Lugo), con 39,3 graos; seguida de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), con 38,6 graos; e xa por baixo dos 38 graos, Sarria (Lugo), e Larouco e Rubiá (Ourense).

As sete cidades galegas movéronse en valores algo inferiores. Os lucenses son os que máis calor pasaron, acadando os 34 graos; seguidos polos ourensáns, con 33 graos.

O resto quedou por baixo da barreira dos 30 graos. En Ferrol rexistrouse unha máxima de 28 graos; en Vigo, de 27º; en Pontevedra e A Coruña, de 26º; e en Santiago, de 24º.

Tamén as temperaturas mínimas foron máis levadías nas cidades galegas. A máis alta notificouna Ourense, con 19 graos; seguida de Ferrol e A Coruña, con 18 graos; Pontevedra, Santiago e Vigo, con 17º; e Lugo, con 14º.

A temperatura mínima máis baixa rexistrouna o municipio ourensán de Calvos de Randín con 12,1 graos ás 4:00 horas.

Previsión para o xoves

Segundo informou Meteogalicia, a comunidade quedará o xoves baixo a influencia das altas presións, co anticiclón estendéndose desde o arquipélago da Madeira ata o centro de Europa e cunha fronte achegándose polo Atlántico.

Haberá néboas e nubes baixas nas provincias atlánticas, que poden deixar escapar algún orballo nas primeiras e últimas horas do día e ceo con intervalos de nubes altas en Lugo e Ourense.

As temperaturas descenderán excepto na fachada atlántica e farano de forma localmente notable no extemo leste de Galicia. O vento soprará frouxo de sur e suroeste, con intervalos moderados na costa da Coruña.

Advirten ademais de que pode haber visibilidade reducida nas Rías Baixas, na Costa da Morte e no golfo Ártabro pola presenza de néboa e a posibilidade de choiva suave entre a ría de Arousa, a ría de Muros e Noia e Fisterra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade