Simulacros e demostracións na II Xornada de emerxencias e seguridade de Teo
Simulacros e demostracións na II Xornada de emerxencias e seguridade de Teo
As forzas de seguridade amosan os seus equipos e fan simulacros de intervencións en incidencias e desastres
A xornada está dirixida a todos os públicos, pero sobre todo á cativada
Policías, gardas civís, militares e bombeiros participan na segunda edición da Xornada de emerxencias e seguridade que se celebra en Teo durante todo o día. A maior parte das actividades están dirixidas ao público infantil e rematan ao serán cunha festa da escuma.
O Concello de Teo organiza estas xornadas de emerxencias para dar a coñecer as capacidades da súa Policía Local e Protección civil. Tamén é o momento para saber máis dalgunhas unidades das forzas de seguridade e como van equipadas.
"A min gustoume o rifle".
"A min o can policía porque me gustan os cans".
Durante toda a mañá houbo demostracións e simulacros como os que levaron a cabo os infantes de mariña cos seus cans. Ou os policías locais de Teo axudados cun dron.
"O que máis me gustou é o que acabamos de ver".
"A min tamén me gustou isto e o anterior, o dos cans, houbo moita acción".
Actividades variadas e para todos os públicos, aínda que os que máis gozaron foron os máis cativos. E algúns xa se presentaron equipados para a ocasión.
"Vou vestido de bombeiro porque son un bombeiro e este é o meu camión, aquí levo unha mangueira".