Sindicatos policiais consideran a reforma da lei de Seguridade Cidadá un "despropósito"
Sindicatos policiais consideran a reforma da lei de Seguridade Cidadá un "despropósito"
Maniféstanse en Madrid contra uns cambios que, din, deixa as forzas de seguridade "desarmadas"
O secretario de Comunicación de Jucil, a asociación maioritaria de gardas civís, asegurou no Galicia por Diante Fin de Semana, que a reforma da coñecida popularmente como "Lei Mordaza" obedece unicamente a cuestións políticas e non busca mellorar a seguridade cidadá.
Segundo Agustín Leal, responde "ao pagamento de cadeiras e a repartición de cotas de poder entre os socios do Goberno". O portavoz de Jucil sinala que se trata dun despropósito que deixará os axentes "desarmados material e legalmente ante os violentos".
Nos micrófonos da Radio Galega, Leal repasou algúns dos puntos da reforma que provocan o malestar dos corpos policiais. Entre eles subliñou a posibilidade de que calquera cidadá poida gravar imaxes dos axentes; que deixen de usar pelotas de goma nas manifestacións ou a rebaixa na contía das multas para algúns delitos.
O portavoz de Jucil tamén lamentou que a reforma pretenda botar por terra o principio de veracidade que teñen agora os axentes, ou a redución do tempo de detención que, segundo dixo, vai converter ós axentes "en taxistas" ao ter que devolver os detidos ao mesmo lugar no que foron prendidos.
Ademais, Agustín Leal negou que as protestas dos corpos policiais estean politizadas e sexan contra o Goberno. Lembrou que xa se manifestaron contra o anterior executivo do PP, e que seguirán saíndo á rúa goberne quen goberne mentres se manteñan os cambios na Lei de Seguridade Cidadá ou mentres non se atendan as súas demandas de equiparación salarial.