Os traballadores do transporte votan este noite o preacordo para desconvocar a folga
Os traballadores do transporte votan este noite o preacordo para desconvocar a folga
Os empregados do sector en Galicia están chamados a un paro indefinido desde este luns
A patronal ofrece recuperar o poder adquisitivo este ano, e non aprazalo ata cinco anos, e garantir o IPC real para 2024
Sindicatos e patronal do sector do transporte de viaxeiros por estrada chegaron este sábado a un principio de acordo que abre a porta para desconvocar a folga indefinida á que os traballadores están chamados desde o luns.
Despois de que este venres fracasara a reunión, na que as posturas pasaron a estar aínda "máis afastadas", os negociadores mantiveron un novo encontro este sábado coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que foi frutífero.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes sindicais, o principio de acordo alcanzado fai referencia ao ámbito económico, o que "máis necesitan os traballadores", afectados dunha perda importante de poder adquisitivo.
Así, a última proposta da patronal pasa por recuperar o poder adquisitivo xa este ano e garantir o IPC real en 2024. A última proposta aprazaba esta recuperación de poder adquisitivo ata cinco anos.
Agora, os sindicatos levarán esta proposta ás asembleas de traballadores, que están convocadas esta mesma noite e onde serán eles mesmos os que decidan se aceptan o acordo e suspenden a folga do luns ou continúan con ela.