Investigan as causas do incendio que deixou 9 mortos e un desaparecido en Valencia
Investigan as causas do incendio que deixou 9 mortos e un desaparecido en Valencia
Investigan se os materiais da fachada puideron provocar a rápida propagación do lume
"Agradecidos de estar vivos": o testemuño da parella rescatada do balcón entre as lapas
A cifra de vítimas mortais no incendio dun edificio de Valencia redúcese a 9 tras unha segunda inspección realizada no edificio. A primeira hora da tarde informárase de dez persoas falecidas tras inspección ocular que fixeron no interior das instalacións os bombeiros e a Policía Científica.
Porén, a rebaixa na cifra de falecidos implica que volve haber una persoa desaparecida, segundo confirmou a Delegación do Goberno.
Pilar Bernabé indicou que o número inicial de cadáveres atopados, que no seu momento coincidiu coa cifra de persoas que estaban ilocalizadas. Durante este venres pola mañá atoparon a 4 das 14 persoas que estaban sen localizar.
Preguntada sobre se entre eses corpos está unha familia formada por un matrimonio e os seus tres fillos, a delegada lembrou que un xulgado de Valencia decretou o secreto de sumario desta causa, polo que pediu deixar que a investigación siga o seu curso, e indicou que aínda non hai unha hipótese clara sobre a orixe do incendio.
Sinalou que se van a facer máis inspeccións oculares no interior do edificio, e agradeceu "a humanidade, solidariedade e dedicación" dos profesionais de emerxencias e de persoas anónimas e dos veciños do barrio de Campanar, que fixeron o posible por axudar e que na tarde de onte tamén salvaron vidas.
A alcaldesa de Valencia, María José Catalá, explicou que se incrementou o número de persoas reacollidas en hoteis da cidade a 105 -fronte ás 35 desta mañá-, despois de que moitos pasasen a noite en casas de amigos ou veciños da zona.
Catalá explicou que comeza xa o traslado tanto dos corpos sen vida rescatados como dos familiares para darlles a atención necesaria, e cualificou de "heroe" a Julián, o conserxe dun dos edificios deste complexo residencial que foi "porta por porta" para tentar que todos os veciños saísen.
"Agradecidos de estar vivos"
Este venrescoñecemos ademais a parella que lograron salvar os bombeiros tras varias horas refuxiadas nun balcón. Son un mozo belga e unha moza portuguesa. Din que pasaron momentos moi dificiles física e emocionalmente pero que están moi agradecidos de estar vivos.
A titular do Xulgado de Instrución número 10 de València abriu dilixencias previas para investigar as causas do incendio e decretou o secreto das actuacións a fin de protexer as pescudas policiais e a intimidade das vítimas e os seus familiares.
Coa orixe do sinistro aínda por determinar, as especulacións centráronse nos motivos polos que o lume se propagou tan rapidamente polo edificio que, segundo os técnicos, cumpría coa normativa vixente en 2008, ano da súa construción.
En concreto, a presenza ou non de poliuretano como illante e o revestimento en forma de 'fachada ventilada' puideron contribuír, segundo varios expertos, á rapidez coa que ardeu todo o edificio.
Con todo, respecto ao primeiro factor, a Asociación da Industria do Poliuretano Ríxido (IPUR) asegurou que este material non está presente "nin como recheo do revestimento exterior, nin como material illante na cámara de aire".
Un equipo de Policía Científica desprazouse para colaborar na investigación e na identificación das vítimas, así como 107 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) que xa comezaron a retirarse pola tarde.
105 persoas foron reacollidas en hoteis da cidade e o resto permanecen en casas de familiares ou amigos, mentres o concello puxo ao dispor das vítimas un edificio de nova construción con 131 vivendas.
O consistorio valenciano habilitou puntos de atención para os primeiros trámites burocráticos.
Pola súa banda, o Goberno valenciano aprobará o luns un decreto de axudas económicas, fiscais e sociais urxentes para os afectados, segundo anunciou o presidente da Generalitat, Carlos Mazón.
Sánchez ofrece toda a axuda necesaria a Valencia ante a terrible traxedia
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ofreceu ao Concello de Valencia e á Generalitat toda a axuda necesaria ante a "terrible traxedia" que se vive tras o incendio e sinalou como prioridade a procura de vítimas e salvagardar a seguridade dos servizos de bombeiros e emerxencias.
Sánchez, que se desprazou a Valencia, compareceu brevemente ante os medios de comunicación flanqueado pola alcaldesa da cidade, María José Catalá, e o presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, tras coñecer os últimos datos.
"Estamos aquí para prover de axuda, de todo tipo de servizos ás dúas administracións, concello e comunidade; para responder ao urxente e, posteriormente clarificar que sucedeu e poder axudar a sobrepoñerse aos familiares desta terrible traxedia", afirmou Sánchez
Tras insistir na colaboración e cooperación de todas as administracións, trasladou en nome do Goberno e do conxunto da sociedade a súa "solidariedade, agarimo e empatía" aos familiares das vítimas.
Tanto a cidade de València como a comunidade decretaron tres días de loito oficial e suspendéronse todos os actos falleros que estaban previstos ata o domingo.