Stellantis en Vigo para a produción de vehículos na fin de semana pola falta de pezas
Stellantis en Vigo para a produción de vehículos na fin de semana pola falta de pezas
A liña afectada desta volta é a que se encarga da montaxe do Peugeot 2008
É a terceira alteración da actividade tras as vacacións pola falta de compoñentes, a 15 días de que a factoría recupere a cuarta quenda, da fin de semana, que paralizou en outubro de 2021
A dirección da factoría automobilística Stellantis comunicoulles aos traballadores da planta de Vigo novas alteracións da produción ante a falta de aprovisionamentos.
É a terceira parada tras o período de descanso estival, que lles afectará, desta volta, aos dous sistemas de produción da fábrica.
Durante a fin de semana estará na práctica paralizada. Nin o sábado nin o domingo se van fabricar coches en Vigo, e as máquinas volverán estar operativas o luns ás 6:00 horas.
Na liña que produce o 2008 non se traballou xa o venres, nin se vai traballar este sábado nin o domingo. No Sistema 2, que produce os furgóns, houbo actividade o venres na quenda da noite pero suprímense as quendas do sábado e do domingo pola noite.,
A falta de pezas polas dificultades dos provedores para regresar á normalidade despois do verán estaría detrás desta decisión.
A falla de compoñentes aféctalles a fábricas de todo o grupo, non só en España, senón en toda Europa.
Esta nova parada da produción prodúcese xusto a quince días de que a factoría recupere a cuarta quenda, a da fin de semana, no Sistema 2, que se paralizou en outubro de 2021 e para o que a compañía deberá realizar 700 novas contratacións; un novo equipo "que permitirá dar resposta aos volumes de produción previstos", sinalaban desde a firma de automoción tras o anuncio do regreso desta quenda.
A produción en Vigo xa estivo parada en varias quendas durante esta semana, e tamén houbo alteracións xusto despois da volta dos traballadores do período das vacacións.