Subtrae a cesta do Entroido dun supermercado de Fene e, previamente, roubou 47 latas de bonito
Subtrae a cesta do Entroido dun supermercado de Fene e, previamente, roubou 47 latas de bonito
Os responsables do negocio coñecían a muller por protagonizar feitos semellantes
A Garda Civil encárgase da investigación
O roubo aconteceu a última hora da xornada nun supermercado de Perlío, no concello de Fene.
"Estaban a caixeira e a carniceira soas. E a muller aproveitou que estaban ocupadas...", explica Daniel Serantes, caixeiro do supermercado.
Foi directa ao estante das conservas e, segundo puideron ver os responsables do negocio nas imaxes da cámara de seguridade, meteu nunha bolsa de tea que levaba 47 latas de bonito, que ascenden a uns 150 euros. E antes de fuxir colleu tamén a cesta do Entroido.
"Estaba preto da porta e levouna. Fóra agardaba un home subido a un coche xa en marcha para fuxir", engade Daniel Serantes.
Tras o suceso, no establecemento decidiron facer outra cesta similar para sortear este luns entre a súa clientela. Porén, desta volta, para evitar un novo furto, decidiron poñela a recado e non quitarlle o ollo de enriba.
"A muller xa é coñecida por nós. A min xa me roubou a carteira noutro supermercado", di Daniel.
A Garda Civil xa abriu unha investigación para esclarecer os feitos.