Susto en Catoira ao envorcar un camión cisterna de aceites, que viaxaba baleiro
Susto en Catoira ao envorcar un camión cisterna de aceites, que viaxaba baleiro
Púxose en marcha unha operación para evitar un posible episodio de contaminación
O accidente rexistrouse nunha zona de curvas onde adoita haber numerosos sinistros
O condutor puido saír polo seu propio pé
Susto en Catoira. Un camión cisterna sufriu un accidente de tráfico, polo que se puxo en marcha unha operación para evitar un posible episodio de contaminación. Finalmente non foi necesaria, porque levaba a cisterna baleira.
O camión, dunha empresa de Santa Comba, ía recoller aceite usado para reciclar. Por causas descoñecidas, saíu fóra da estrada nunha zona de curvas e de desniveis no concello de Catoira. O condutor quedou ferido leve, con cortes nunha man. Aínda que o camión acabou envorcando na gabia, o home foi capaz de saír polo seu propio pé.
O camión quedou envorcado, a cabalo entre a gabia e un dos carrís da estrada, polo que a Garda Civil tivo que cortar parte da circulación mentres os equipos retiraban o vehículo. O accidente rexistrouse nunha zona de curvas onde adoita haber numerosos sinistros.