Taiwán segue na procura de dezaseis desaparecidos tras o terremoto
Taiwán segue na procura de dezaseis desaparecidos tras o terremoto
Os falecidos xa son 12, hai máis de 1.100 feridos e 671 persoas continúan atrapadas
Os equipos de rescate de Taiwán traballan este venres na procura de dezaseis persoas desaparecidas tras o forte terremoto que sacudiu o mércores pasado a costa leste da illa e ocasionou doce mortos e polo menos 1.106 feridos.
Nunha comparecencia de prensa, o ministro do Interior taiwanés Lin Yu-chang asegurou que os equipos de rescate atoparon esta mañá dous corpos sen vida nun carreiro do Parque Nacional Taroko, un dos principais puntos turísticos de Taiwán.
Segundo a axencia estatal de noticias CNA, as autoridades descoñecen a localización actual de tres estranxeiros, entre quen se atopan dous cidadáns australianos e un canadense.
Outras 671 persoas permanecen atrapadas: 435 nun hotel do Parque Nacional Taroko, 122 na zona recreativa de Tianxiang, 84 nunha escola primaria, 18 nun campamento e outras 12 no templo budista de Xiangde.
O mal tempo e as réplicas dificultan os rescates
O ministro do Interior taiwanés asegurou que, debido ás condicións climatolóxicas adversas e ás constantes réplicas, máis de 500 desde o mércores, as persoas atrapadas en Tianxiang non poderán ser evacuadas cara ao leste ata o 7 de abril.
Os equipos de emerxencias tamén rescataron esta mañá nove persoas varadas nunha cova do Parque Nacional Taroko, que xa foron dirixidas a un lugar seguro.
O terremoto, cuxa magnitude foi de 7,2 segundo a Axencia Meteorolóxica Central (CWA) de Taiwan e de 7,4 de conforme o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos, ocorreu ás 7:58 do mércores (23:58 GMT do martes) no mar, concretamente a 25 quilómetros ao sueste do condado oriental de Hualien.
Este terremoto é o máis intenso que sufriu Taiwan desde o 21 de setembro de 1999, cando un tremor de magnitude 7,6 acabou coa vida de máis de 2.400 persoas.
Taiwan aséntase na confluencia das placas filipina e eurasiática, polo que os terremotos son frecuentes na illa.