O ERE de Telefónica afectará 339 empregados en Galicia, a quinta comunidade autónoma de maior cifra

En total, o ERE proposto é para máis de 5.100 traballadores nas principais filiais de España ata 2026

O ERE está previsto para persoas nacidas no 1968 e cunha antigüidade mínima de 15 anos

A vicepresidenta de Traballo Yolanda Díaz estudará o caso

Telefónica
G24.gal 04/12/2023 12:35 Última actualización 04/12/2023 17:57

A empresa Telefónica e os sindicatos constituíron este luns as mesas de negociación dos expedientes de regulación de emprego que afectarán ás tres principais filiais da compañía en España (Telefónica de España, Móviles e Soluciones) A empresa propuxo un total de 5.124 baixas ata 2026 segundo informan fontes sindicais.

O ERE está previsto para persoas nacidas en 1968 e anos anteriores, cunha antigüidade mínima de 15 anos.

A proposta inicial da empresa é de 81 despedimentos en Telefónica Soluciones, 958 en Telefónica Móviles e 4.085 en Telefónica de España. Neste contexto, a empresa vincula a voluntariedade do despedimento colectivo a que se alcancen as cifras desexadas, que poderían ir variando coas negociacións.

"A empresa indica que se coa voluntariedade conseguen as cifras de saídas que queren, pois... que xa veremos", sinala un portavoz de Sumados-Fetico, que tamén explica que Telefónica xustificou a necesidade deste despedimento colectivo por "causas organizativas".

En Galicia, unhas 600 persoas traballan para a compañía. De acordo cos números do traballador e responsable de Comunicacións de FESMC UGT Galicia José Ramón Vizcaíno, os empregados sumarían 573 repartidos en: 44 en Lugo, 44 en Ourense, 321 na Coruña e 164 en Pontevedra.

Por outra parte, o tamén traballador e representante da CIG Henrique Viéitez comunica uns datos similares de persoal: 41 e Lugo, 44 en Ourense, 318 na Coruña e 197 en Pontevedra, o cal sitúa o total en 600.

Abordouse a universalidade, condicións económicas e sociais e enlace coa xubilación

Segundo CCOO: "A empresa expón un "excedente funcional" polos cambios que trae a tecnoloxía, polas necesidades do mercado e por outras causas que están recollidas na preceptiva memoria que xustificará a súa decisión e que analizaremos minuciosamente". Para o sindicato, "é o momento de pór en valor o persoal".

Pola súa parte, Telefónica comunica que nas mesas de negociación se comunicou aos representantes os axustes para "adecualas ao esixente proceso de transformación e adaptación que require a nova era dixital".

Unai Sordo: "Telefónica ten músculo financeiro suficiente"

O secretario xeral de CCOO Unai Sordo asegurou en declaración aos medios que Telefónica ten "músculo finaceiro suficiente" para evitar un ERE traumático.

Ademais, detallou que a prioridade é que no caso de que se produzan saídas de traballadores, sexa "en boas condición de acceso a xubilación e que sirva para consolidar o proxecto a longo prazo da empresa".

Pola súa parte, a vicepresidenta e ministra de Traballo Yolanda Díaz asegurou que estudará o ERE de Telefónica cando o teña enriba da mesa e que manterá reunións coas partes involucradas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade