Temperaturas históricas nun mes de abril en España
Chegan ata 15 graos por riba dos rexistros habituais
Os termómetros a pé de rúa rexistraban este luns valores moi altos en Sevilla en plena feira de Abril e pouca xente se animou a pasear o feiral tras o xantar.
En Barcelona, encontramos improvisadas praias nos parques... e praias ateigadas como en agosto.
Nalgunhas aldeas de Castelló a calor aumenta a preocupación de que reaviven os incendios forestais que os desaloxaron a semana pasada das súas casas.
Ao longo da semana, varios lugares de España van superar os 40 graos, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, sobre todo, polo sur da península. O xoves e o venres serán os días máis cálidos.
A causa é unha masa de aire procedente do norte de África. Con ela, as temperaturas serán ata 15 graos por riba dos rexistros habituais, os valores máis altos nunca medidos nun mes de abril desde que hai rexistros.
O mes de abril despídese con calor, pero ha rematar cunha baixada xeral das temperaturas o vindeiro domingo.