Varios templos abertos, e con guía, no Camiño de Inverno
Varios templos abertos, e con guía, no Camiño de Inverno
Dúas igrexas de Quiroga e unha de Ribas de Sil amplían o seu horario de apertura
A de San Clodio, en Ribas de Sil, é unha das tres igrexas da comarca de Quiroga que van ampliar o seu horario de apertura. Grazas a un convenio entre o bispado de Lugo e Turismo de Galicia, abrirá todas as tardes de martes a sábado e contará cun guía.
A medida ten como fin facilitar as visitas aos templos situados no Camiño de Inverno. De feito, os peregrinos tamén poderán selar aquí as súas credenciais.
Marisol Tomé, guía turística: "Ademais temos unha aplicación de realidade aumentada, que lles permite visitar as ruínas da abadía e o exterior do edificio".
Outras dúas igrexas de Quiroga tamén se benefician desta iniciativa. Trátase de San Salvador de Hospital, para grupos e baixo demanda, e de San Miguel de Montefurado, que abrirá polas mañás de mércores a domingo.
Marisol Tomé, guía turística: "E comentarlles un chisco o que son os restos dos romanos, xa que Montefurado foi unha mina romana, como As Médulas. Temos en fronte o famoso túnel de Montefurado, que é o desvío do Sil para a extracción de ouro".
Tanto a igrexa de Montefurado como a de San Clodio xa recibiran o ano pasado visitas guiadas, organizadas polo Xeoparque do Courel debido ao carácter singular da chamada pedra cabaleira.