Publicador de contidos
Publicador de contidos

O temporal deixa 200 incidencias, ríos rebordados e atrancos no transporte

O temporal deixa 200 incidencias, ríos rebordados e atrancos no transporte

Interrompida a circulación ferroviaria entre Ponte Mera-Cerdido e Ortigueira-Viveiro

Reborda o río Basteiro no concello de Neda e o Landro obriga a cortar a estrada LU-161 en Viveiro

Desviado un avión en Peinador polo vento e suspendido o transporte marítimo entre Vigo e Cangas

G24.gal 25/02/2024 09:44 Última actualización 25/02/2024 21:41

O temporal que azouta Galicia deixou este domingo vento de 147 quilómetros por hora no municipio Muras, ondas de 5,7 metros en Cabo Silleiro, choiva intensa na provincia da Coruña e varias incidencias no transporte.

Segundo Meteogalicia, o refacho máximo, de 147,1 quilómetros por hora, alcanzouse no municipio de Muras e no concello de Ortigueira as precipitacións acumuladas superaron os 73,4 litros por metro cadrado.

O 112 rexistrou, entre as oito da mañá e as seis da tarde, un total de 182 incidencias, 80 delas en Pontevedra, 58 na Coruña, 35 en Lugo e 8 en Ourense. 

A caída de árbores na estrada foi a máis repetida (84), pero tamén houbo asolagamentos, problemas cos postes e outros obxectos, bolsas de auga, derrubamentos ou fochancas.

Entre os concellos máis afectados están Ares, Arteixo, Ortigueira, A Coruña, Viveiro, Vigo, Cerdedo-Cotobade, Gondomar e Pontevedra.

Problemas no transporte

En canto ao transporte, o vento provocou incidencias no aeroporto de Vigo, onde houbo que desviar un voo procedente de Madrid coa chegada prevista ás 12:50 horas.

A circulación ferroviaria tamén tivo que se interromper entre Ponte Mera e Cerdido por varias árbores caídas na vía. Adif estableceu un plan alternativo de transporte por estrada, no traxecto afectado, para trens da relación Ferrol-Cudillero.

Un desprendemento de terra tamén obrigou a cortar a  circulación ferroviaria entre Ortigueira e Viveiro. Neste caso, tamén puxo a disposición das persoas afectadas un plan alternativo por estrada entre Ferrol e Ribadeo.

Suspendido o servizo Vigo-Cangas

No mar, a navieira Mar de Ons cancelou, desde primeira hora e ata novo aviso, o servizo entre Cangas e Vigo debido ás condicións meteorolóxicas. Na ría de Vigo tamén hai varios buques que se atopan ao abrigo da illa de Ons ante as condicións do mar.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) advertiu da dificultade da circulación, polo vento, na estrada A-8 desde o quilómetro 536 en Veiga de San Tomé (Lourenzá) ao quilómetro 552 en Someiro (Abadín).

Avisos activos

Este domingo permanece activado o aviso laranxa en todo o litoral galego por mar de fondo do noroeste con ondas de cinco a seis metros de altura, podendo alcanzar os sete na Coruña. A boia situada en Cabo Sillero, na Coruña, rexistrou ás 13:00 horas ondas de 5,7 metros de altura.

No mar tamén hai aviso amarelo por vento de compoñente oeste, forza sete, con intervalos de forza oito, especialmente, no litoral norte.

O interior de Pontevedra, o noroeste da Coruña e as montañas de Ourense e Lugo tamén teñen activado o aviso amarelo por refachos de vento superiores aos 80 quilométricos por hora.

Plan Inungal

A Xunta activou o plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) para seguir o caudal dos ríos Mera e Mandeo, ao seu paso polos municipios de Betanzos, Ortigueira e Paderne. 

Tamén controla o Verdugo, Rego das MestasMasmaTea, Tambre e Mendo ao seu paso por Pontecaldelas, Cedeira, Mondoñedo, Cerdido, Valdoviño, Mondariz e Val do Dubra.

Desbordamento do Basteiro

O desbordamento do río Landro obrigou a cortar a estrada LU-161 en Viveiro e o concello de Neda tivo que pechar ao tráfico os accesos á zona das Augas tras rebordar o Basteiro. 

O Goberno local pídelle á veciñanza que evite as "zonas próximas aos leitos fluviais", afectados tamén pola preamar das cinco da tarde. A auga afectou "campos e vías de entrada a algunhas vivendas".

Accidente na A-6

Tres persoas quedaron feridas este domingo ao bater co seu coche contra unha árbore caída na autovía A-6 en Aranga. Segundo informa o 112, ocorreu ás 2:30 horas da madrugada cando cinco vehículos sufriron danos materiais en Vilarraso, antes do viaduto sobre o río Mandeo.

Co impacto, a árbore rematou no outro sentido da circulación e provocou danos noutros catro vehículos. As persoas feridas son unha muller e os seus dous fillos menores de idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade