Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suspendidas as charlas da pasteira portuguesa Altri na Ulloa

Suspendidas as charlas da pasteira portuguesa Altri na Ulloa

A empresa denuncia a "actitude agresiva" dalgúns colectivos

O que xera máis preocupación entre os veciños é o impacto ambiental da planta

O BNG rexeita o proxecto: "É unha bomba ambiental que non queren en Portugal"

G24.gal 21/03/2024 14:40 Última actualización 21/03/2024 17:16

 Suspenden as charlas informativas expostas pola multinacional portuguesa Altri, a través de Greenfiber, para explicar aos veciños de diferentes municipios da comarca da Ulloa como lles afectará o desenvolvemento da fábrica de fibras téxtiles Gama que proxecta en Palas de Rei.

A empresa di que as interrompe pola  "actitude agresiva e en aumento de determinados colectivos”.

Altri di que “en ausencia dunhas condicións básicas de respecto de parte dun sector do público asistente á última charla informativa levada a cabo por Greenfiber en Melide, a compañía decidiu suspender as que estaban previstas para esta tarde en Santiso, Agolada e Antas de Ulla”.

A empresa di que vai explorar cos concellos novas opcións para informar de maneira personalizada aos veciños”.

Así mesmo, distribuirá material explicativo do proxecto e habilitará proximamente unha páxina web. Actualmente, xa está habilitado o correo electrónico informacion@greenfiber.es. 

 Altri defende que a súa futura planta non é contaminante, e que será pioneira na fabricación do lyocell usando pasta de eucalipto, unha fibra sintética e sostible que conta cunha gran demanda na industria da moda.

"Vaise desenvolver cos máis altos estándares medioambientais e as mellores técnicas que hai agora mesmo no sector, cumpre toda a normativa europea, nacional e autonómica", explica o director do proxecto, Bruno Dapena.

O que xera máis queixas entre os veciños é que a planta non só vai producir o lyocell, tamén celulosa. "Non me importa que monten industria, pero non poden andar con mentiras. Se inicialmente era unha industria téxtil, vale, contaminará máis ou menos, pero non tanto como a celulosa", comenta un veciño.

Preocúpanlles os efectos da planta sobre o medio ambiente e sobre o Camiño, unha das principais fontes de ingreso da comarca. "Moitos dos peregrinos desviaranse polo cheiro", di Xesús Vila, da plataforma Ulloa Viva.

Tamén hai quen ve o proxecto como unha oportunidade económica para a comarca, xa que a previsión é crear 500 empregos directos e máis de 2.000 indirectos.

"O meu interese e que veña algo en que poidan traballar os nosos fillos e os nosos netos", comenta unha veciña.

O BNG rexeita o proxecto: "É unha bomba ambiental que non queren en Portugal"

O BNG pronunciouse este xoves en contra da instalación de Altri en Palas de Rei pola súa afectación ao río Ulla e a ría de Arousa ao entender que é “unha fábrica contaminante que non queren en Portugal” e que supón “unha bomba ambiental no corazón de Galicia”.

O BNG non apoia este proxecto e iniciará unha “ofensiva” contra este proxecto de forma que apoiará as mobilizacións veciñais, presentará alegacións ao proxecto, iniciará charlas informativas e rexistrará mocións en concellos, no Parlamento, no Congreso, no Senado e no Parlamento europeo.

Así o expuxo en rolda de prensa a viceportavoz do Bloque no Parlamento, a lucense Olalla Rodil, que alertou da conivencia da Xunta cun proxecto tan pernicioso para o territorio e para os recursos hídricos de Galicia.

Segundo Rodil, o Goberno galego e a multinacional están a mentir aos cidadáns porque Altri non pretende implantar unha fábrica de fibras téxtiles xa que o que busca crear é “unha fábrica de celulosa líquida”, que sería ademais “tres veces máis grande” que a de Ence en Lourizán na ría de Pontevedra.

Ademais, incrementaría a plantación de eucaliptos na Comunidade xa que a demanda que requirirá deste tipo de árbores ascende a 1,2 toneladas ao ano e condicionará a “política agraria e forestal” para os próximos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade