Testemuñas clave no xuízo polo crime do Ceao contradixeron as declaracións do acusado
Testemuñas clave no xuízo polo crime do Ceao contradixeron as declaracións do acusado
Algunhas das persoas citadas encóntranse en paradoiro descoñecido ou xa faleceron
As declaracións do único acusado polo crime do Ceao, Manuel Juan Vilariño, foron contradicidas por algunhas das testemuñas na segunda xornada do xuízo que se está a celebrar na Audiencia Provincial de Lugo.
É o caso dun toxicómano que nos anos 90 ir comprar droga no seu bar, que asegurou que o procesado vendía armas e realizaba prácticas de tiro cunha pistola. Tamén relatou que un coñecido afirmaba que o hostaleiro lle ofrecera participar no atraco ao Cash Record.
"É que xa non nos chama nada a atención. Cando estudaches o sumario, hai poucas cousas das que el poida dicir que non chamen a atención", di Carmen Balfagón, avogada da acusación particular.
"Sabemos que van saír cousas importantes nas declaracións. Estámonos aferrando a iso para ver se podemos cambiar a valoración que se poida facer ao final", asegura Isabel López, irmá dunha das vítimas do crime.
O paso do tempo, case tres décadas dende aquel 30 de abril de 1994, xoga en contra da acusación, posto que algunhas das testemuñas se encontran en paradoiro descoñecido ou xa faleceron.
Tocante ás declaracións realizadas polo acusado, as familias das vítimas sinalan que faltou á verdade de forma reiterada.
"Mentiu todo. Dixo que non se acordaba de nada, que era mentira, que el non fora, que non coñecía a ninguén. Non dixo a nada que si, senón que dixo a todo que non e ao final non dixo nada", cre Avelina Sánchez, cuñada dunha das vítimas do crime.
"Os de onte dicían que non se lembraban. Supoñemos que estes van dicir o mesmo, pero pode haber algunha sorpresa, e iso tamén se valora", afirma Isabel López.
O xuízo, en que a acusación pide 28 anos de cadea para o acusado, continuará coas declaracións dos policías e de máis testemuñas.