O día de máis calor do ano en Galicia: poden superar os 40 graos na conca do Miño e en Valdeorras
O día de máis calor do ano en Galicia: poden superar os 40 graos na conca do Miño e en Valdeorras
Estas zonas de Ourense están en aviso laranxa e o resto da provincia, en amarelo, por riba dos 36º
Só o norte de Lugo e as Rías Baixas, sen aviso por calor
Alerta vermella en Córdoba e aviso laranxa noutras 26 provincias
Está previsto que esta tarde os termómetros na cidade marquen 41º. Tamén en Castrelo de Miño e na Arnoia, que xa onte rexistrou a máxima de Galicia. Son 2 ou 3 graos máis ca onte, razón pola que estamos en aviso laranxa por altas temperaturas, na conca do Miño e tamén na comarca de Valdeorras.
As noites, iso si, seguen frescas, entre 15 e 17 graos. Mesmo hai zonas na Limia, como Xinzo e Calvos, onde baixaron dos 10 graos esta noite. Precisamente, onde máis calor foi pola noite, polo efecto da inversión térmica, é na alta montaña. Ao redor de 22 graos houbo en Cabeza de Manzaneda ou en Trevinca.
Avisos na provincia de Ourense
O aviso laranxa esténdese a toda a conca do Miño e a comarca de Valdeorras. No resto da provincia, o aviso é amarelo: temperaturas por riba dos 36.
As persoas con patoloxías previas son as máis vulnerables ás vagas de calor, pero todos debemos protexernos fóra e dentro da vivenda. O ano pasado, a provincia de Ourense foi a segunda de España con máis mortes derivadas das altas temperaturas.
Luis Ángel Prieto Robisco, xefe de servizo do centro de saúde da Carballeira: "A aclimatación do corpo a estas subas bruscas das temperaturas lévanos entre 3 e 7 días, polo tanto o período máis perigoso son as 24-48 horas primeiras. Desde esgotamento por calor e cambras, ata o efecto máis complicado, que é o golpe de calor".
Nas cidades, sinalan, convén fuxir das denominadas illas de calor, onde o asfalto e a ausencia de árbores fan subir aínda máis a temperatura.
Só o norte de Lugo e as Rías Baixas, sen aviso por calor
As baixas presións centradas ao oeste de Portugal intensifican a entrada de aire cálido e iso nótase no sur de Pontevedra ao longo de todo o curso do Miño.
Meteogalicia mantén un aviso laranxa por altas temperaturas nos 13 concellos desta provincia máis próximos á fronteira portuguesa. Ata as nove da noite poderíanse superar os 37 graos.
Só quedan fóra do aviso amarelo as Rías Altas e a metade norte de Lugo Case toda Galicia está hoxe por riba dos 30 graos, mesmo en zonas costeiras. Agás nas Rías Altas e o norte de Lugo, o resto da comunidade está en aviso amarelo por calor.