Todo preparado na Coruña para a proba ciclista O Gran Camiño
Todo preparado na Coruña para a proba ciclista O Gran Camiño
A carreira discorrerá polo paseo marítimo dende a Torre de Hércules ata o Portiño
Na Coruña xa está todo preparado para acoller este xoves a proba ciclista O Gran Camiño. É a primeira etapa desta carreira, considerada como unha das máis importantes de España. O paseo marítimo, dende a Torre de Hércules ata o Portiño, por onde vai transcorrer a proba, xa está valado e cortarase ao tráfico ás once da mañá.
Agárdase que numeroso público se achegue para ver de preto a carreira. Xa ao longo deste mércores eran moitos os viandantes que puideron presenciar o adestramento dos ciclistas, mesmo na Torre de Hércules, que será o inicio e o final da etapa. No Concello afirman que O Gran Camiño supón un reto moi importante para a cidade, que mobiliza moita xente.
"É un reto moi importante e evidentemente ten un retorno para a cidade. Estamos a falar de que esta carreira mobiliza practicamente 500 persoas arredor da caravana, entre ciclistas, membros dos equipos, técnicos... Nós temos un dispositivo de máis de 400 persoas traballando na seguridade", afirma Gonzalo Castro.
Pero tamén haberá moitos ollos postos na evolución do tempo, que se vai complicar nas próximas horas en todo o litoral con ventos fortes e precipitacións.