Publicador de contidos
Publicador de contidos

Traballadores de Ence esixen solucións para a fábrica

Traballadores de Ence esixen solucións para a fábrica

Levantaron barricadas con pneumáticos aos que lles prenderon lume e cortaron o tráfico entre Marín e Pontevedra

Barricada con pneumáticos ardendo
G24.gal 29/10/2021 10:52

Acción sorpresa dos traballadores de Ence. Este venres á mañá cortaron o tráfico nos dous sentidos na autovía que vai de Pontevedra a Marín. Os traballadores levantaron barricadas con pneumáticos aos que lles prenderon lume.

A mobilización foi organizada ante a ausencia dunha nova convocatoria da mesa de traballo en que as partes implicadas buscan unha solución para a factoría que xa acumula tres sentenzas xudiciais en contra da súa continuidade na ría de Pontevedra. Piden unha alternativa no caso que os recursos presentados ante o Supremo non sexan favorables.

Efectivos de tráfico da Garda Civil tiveron que reconducir a circulación por vías alternativas

Nos primeiros momentos produciuse un incidente cun condutor que non quixo deterse e houbo un momento de tensión entre esa persoa e os traballadores da factoría de Lourizán.

Despois de aproximadamente unha hora, a circulación retomouse nesta vía e progresivamente foi recuperando a normalidade.

A protesta comezaba pouco despois das nove da mañá. Nela tomaban parte os traballadores da factoría e dalgunhas das empresas auxiliares que dan servizo á fábrica de Ence. 

Toño Lafuente, presidente do comité de empresa de traballadores de fábrica, aseguraba no informativo Bos días que "estamos aquí para dar visibilidade ao noso problema, que é o estancamento por parte do Goberno, a Xunta e a empresa, que non dan unha solución aos nosos postos de traballo".

Nas últimas xornadas fixéronse visibles as diferenzas entre os comités de traballadores da empresa e tamén con respecto aos dalgunhas auxiliares, pero desde o comité de fábrica din que "non entramos a valorar as diferenzas entre os comités. Nós temos un obxectivo que é garantir os nosos postos de traballo".

"Somos de Pontevedra. Se hai traslado, que sexa na comarca"

En canto ás alternativas para o traslado da factoría, Toño Lafuente asegura que eles non se opoñen, pero cunha condición: "Se nos din por vía xudicial que en Lourizán non podemos seguir, pois haberá que ver onde. Nós somos de Pontevedra e queremos seguir vivindo nas nosas casas. Se hai traslado, que sexa na comarca".

"Ten que haber unha solución viable e legal", apuntan desde este comité. Con todo, din que non poden ser optimistas: "Isto é o día a día. As noticias son as que son. As últimas declaracións do Ministerio de Transición Ecolóxica non son de recibo. Hai moitas familias detrás e hai que ter sensibilidade cos traballadores".

A Xunta defende a opción do porto de Marín

Sobre este asunto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosouse esperanzado co informe do Consello Consultivo de Galicia favorable á adscrición dos actuais terrenos de Ence ao porto de Marín. O Goberno xa trasladou este ditame á Autoridade Portuaria.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade