Manzaneda quere coñecer máis dun dos campamentos militares romanos máis antigos de Galicia
Manzaneda quere coñecer máis dun dos campamentos militares romanos máis antigos de Galicia
O xacemento é do ano 20 antes de Cristo, cando se está acabando de conquistar a Península Ibérica
Nas montañas de Manzaneda, a case 1500 metros de altitude, está un dos campamentos militares romanos máis antigos de Galicia. Comezaron a traballar no xacemento hai catro anos e agora nunha segunda intervención confían en que os achados axuden a ampliar información sobre a presenza do exército romano no noroeste da península.
O xacemento, malia estar nun lugar illado e de difícil acceso, foi nos últimos tempos obxecto dos espoliadores. Din os arqueólogos que ademais de cometeren un delito, con cada un destes roubos os ladróns levan consigo unha parte importante da nosa historia.
Un campamento de marcha era unha fortificación que os soldados romanos construían ao final do día para estar a salvo, para defenderse, ou simplemente como disciplina interna. E iso foi exactamente o que atoparon hai catro anos no Penedo dos Lobos.
"Este é un sitio excepcional porque é un dos poucos campamentos romanos de campaña, é decir, estacionais, temposais, construídos durante o período de conquista nestes territorios. É excepcional non só porque sexa un dos poucos que existen, ou un dos que están a maior altitude, tamén porque é un dos que ten mellores contextos arqueolóxicos para investigar", Explica José Manuel Costa, profesor de arqueoloxía na Universidade de Salamanca e membro do colectivo Roman Army.
O xacemento é do ano 20 antes de Cristo, cando están acabando de conquistar a Península Ibérica os romanos, na época do emperador Augusto.
"Probablemente aquí están intentando acabar cos restos que quedan, ou coa última resistencia que poida quedar, ou están intentando controlar as zonas máis remotas, as zonas montañosas, para poder explotar estas terras, extraer os minerais, explotar a gandería, a agricultura... basicamente poñendo estas terras ao servizo do Estado romano".
Todo isto sábese grazas aos achados da primeira escavación que se fixo hai catro anos. Agora avanzar é algo máis complicado porque neste tempo os ladróns espoliaron máis do setenta por cento do xacemento.
"O que están facendo é non só roubar esas pezas, que ao mellor non teñen moito valor. O que están facendo con iso é roubarnos parte da nosa historia. Estannos impedindo coñecer un período histórico que antes non se coñecía, que estamos empezando a traballar, estamos abrindo as portas dun horizonte histórico completamente novo do noso pasado, da nosa identidade. Estanllo roubando a todo o mundo, non só a nós, os arqueólogos".
O xacemento está situado nun lugar privilexiado en plena natureza. Cos traballos a piques de rematar, din que agora queda a súa posta en valor, poder establecer visitas e sobre todo dalo a coñecer como unha parte máis do noso patrimonio.