Traballo ofrece unha redución de xornada máis flexible para sumar a patronal ao acordo
Traballo ofrece unha redución de xornada máis flexible para sumar a patronal ao acordo
A porcentaxe que podería distribuirse de xeito irregular sería o 10 % da xornada previa
O Ministerio de Traballo puxo sobre a mesa unha proposta de redución de xornada máis flexible, con máis marxe para a distribución irregular de horas ao longo do ano nalgúns sectores, para tentar sumar as patronais CEOE e Cepyme ao acordo.
Segundo sinalou, tras a reunión da mesa, o secretario de Estado de Emprego Joaquín Pérez Rey, a vocación do Goberno é alcanzar un acordo "con todas as partes", incluídas as patronais CEOE e Cepyme.
Trataríase, explicou, de ofrecer certa flexibilidade para posibilitar "a capacidade de adaptación de sectores produtivos inconstantes", como a agricultura ou a hostalería, que teñen maior carga de traballo en determinadas épocas do ano.
Pérez Rey sinalou que o 10 % da xornada que se pode distribuír de forma irregular ao longo do ano aplicaríase sobre a xornada previa e non a reducida.
Sen detallar máis medidas da nova proposta de Traballo, tamén apuntou á posibilidade de dar máis marxe nalgúns casos, como as micropemes, as concesionarias ou as empresas ou sectores máis afastados das 37,5 horas semanais.
"Hai marxes para que a entrada en vigor sexa ordenada", engadiu.
Infraccións moi graves por exceso de xornada
Ademais desta medida da distribución da xornada, Pérez Rey detallou que a nova proposta tamén incorpora un agravante para infraccións relacionadas co impacto do tempo de traballo na seguridade e saúde dos traballadores.
"As xornadas desproporcionadas, o traballo de sol a sol, mata", deixou claro Pérez Rey, á vez que explicou que con esta medida, un exceso de xornada que poña en perigo a integridade física do traballador, pasará de ser considerado unha infracción grave a moi grave.
O secretario de Estado reuniuse de novo este luns con representantes de patronal e sindicatos para presentarlles unha nova proposta, tras unha semana que comezou con certa crispación pero que foi disolvéndose ata afrontaren a negociación con vontade de acordo todas as partes.
O obxectivo do Goberno é reducir a xornada laboral desde as 40 horas semanais da actualidade ata as 38,5 horas este ano e as 37,5 horas o que vén, unha marxe que o Ministerio de Traballo podería "flexibilizar" para lograr o acordo tripartito.
"Hoxe a mesa avanzou", dixo Pérez Rey, poñendo en valor tamén as propostas máis concretas expostas pola patronal, como que se permita ás empresas unha mellor e maior distribución das horas ou compasar a entrada en vigor da redución á vixencia dos convenios colectivos.
Os sindicatos rexeitan atrasos inxustificados
Os sindicatos rexeitaron cambios que supoñan unha dilación inxustificada da entrada en vigor desta redución pero mostráronse dispostos a valorar as novas propostas do Ministerio de Traballo en aras dun acordo tripartito.
"A proposta ten que valorarse no seu detalle (...) que a CEOE renove o seu compromiso co diálogo social", sinalou o vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT, Fernando Luján, que lembrou que o compromiso de reducir a xornada forma parte dun acordo de Goberno.
"Os compromisos téñense que cumprir, é un compromiso coa cidadanía", incidiu Luján, que mostrou a disposición de UXT a ser flexible "se é unha flexibilidade razoada".
Na mesma liña, o secretario de Estudos e Formación Sindical de CCOO, Carlos Gutiérrez, deixou claro que non están nin polo aprazamento nin pola dilatación da entrada en vigor desta medida.
Gutiérrez tamén evitou pronunciarse sobre os detalles da nova proposta á espera de analizala con detalle.
Os axentes sociais e o Ministerio de Traballo veranse o vindeiro luns outra vez.