Transporte de ida e volta e guía para promover a ruta xacobea da Vía da Prata
Transporte de ida e volta e guía para promover a ruta xacobea da Vía da Prata
A Deputación de Ourense propón facer o camiño ata Santiago en cinco etapas, unha cada domingo
En Ourense queren promover o itinerario xacobeo da Vía da Prata. Por iso puxeron en marcha unha iniciativa para facer o camiño dende Ourense en cinco etapas, unha cada domingo, con transporte de ida e volta e guía especializado.
Está pensada sobre todo para que os ourensáns coñezan este itinerario pero ábrese tamén o resto dos visitantes. Teñen cinco domingos por diante para completar o camiño entre Ourense e Santiago, e todo arranca hoxe.
"Ata o día 23 xa sabemos que temos o domingo ocupado. Hai que gozalo".
Farán unha etapa cada semana con transporte que os leva ata o comezo de cada unha delas e os trae de volta a Ourense o rematar.
"A maioría da xente hoxe en día traballamos, entón desta forma pódese chega a Santiago sen ter que deixar de traballar".
Hainos que se estrean como peregrinos, para outros esta non será a primeira vez.
"Fíxeno tres veces, fágoo outra vez porque me apetece andar, gústame, e a verdade encantoume".
Hoxe fan a primeira etapa entre Ourense e Cea. A xornada inclúe ademais a visita o mosteiro de Oseira.
"Vinte e dous quilómetros son lavadoiros, se non se fan vinte e dous quilómetros en oito horas, meu deus, entón é mellor quedar na casa".
O número de peregrinos que elixiron este itinerario dende Ourense descendeu o ano pasado e malia que as cifras de a pouco van remontando, iniciativas coma esta do Inorde buscan que sigan mellorando. Queren ligar a vía da prata a alta velocidade.
"É o único lugar onde agora mesmo poderían vir en AVE e practicamente empezar a peregrinar dende a propia estación", apunta Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense.
O itinerario ata Santiago pode facerse completo ou por etapas soltas. Hai un autobús de apoio e tamén un guía especializado para descubrir o patrimonio cultural e natural da provincia de Ourense a través deste camiño.