Publicador de contidos
Publicador de contidos

Transportes destina case 50 millóns de euros á modernización da Liña do Miño

Transportes destina case 50 millóns de euros á modernización da Liña do Miño

O obxectivo é reforzar o tráfico de viaxeiros e mercadorías neste eixe estratéxico do Corredor Atlántico

G24.gal 28/06/2024 10:57 Última actualización 28/06/2024 11:30

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible destinará case 50 millóns de euros a modernizar o tramo de 13 quilómetros entre Vigo-Guixar e Redondela da liña de ferrocarril convencional Ourense-Vigo, coñecida como Liña do Miño, segundo informou este venres nun comunicado.

Concretamente serán 48,8 millóns en dous contratos co obxectivo de reforzar o tráfico de viaxeiros e mercadorías deste eixo estratéxico no Corredor Atlántico.

Adif xa licitou un dos contratos por 36,5 millóns de euros para a renovación de vía deste trazado, con actuacións nas estacións de Redondela e Vigo Guixar, o apeadeiro de Chapela e o túnel de Vigo, xunto a outras estruturas.

O segundo contrato adxudicouse á UTE integrada por Enyse e Teléfonos, Liñas e Centrais por 12,3 millóns de euros para adecuar a sinalización do tramo á próxima modernización da súa electrificación e a súa integración no sistema de xestión de tráfico en remoto e tempo real.

Actuacións previstas nos contratos

Na estación de Redondela construirase unha nova plataforma central, ampliarase a súa lonxitude e aumentarase a altura do resto, conectando todos cun novo paso inferior.

Isto completa as actuacións que se atopan en proceso de contratación para reforzar a accesibilidade da estación, cun investimento de 3,6 millóns.

Na estación de Vigo-Guixar despregaranse novos desvíos (aparellos para que os trens pasen dunha vía a outra) de maiores prestacións e prolongarase a plataforma na cabeceira das vías para facer posible a chegada e saída de trens de máis de 600 metros.

No barrio de Chapela habilitarase un novo apeadeiro, cunha plataforma de 220 metros, nunha localización próxima a un aparcamento e a unha pasarela peonil sobre as vías.

Así, mellóranse as condicións de mobilidade dos cidadáns e a integración do ferrocarril na contorna.

Os investimentos complétanse con actuacións no túnel de Vigo, desde o reforzo da súa impermeabilización, o revestimento e drenaxe, á adaptación da súa gálibo á futura nova electrificación; así como melloras en terrapléns, desmontes, drenaxes e outras infraestruturas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade