Tras a medicina personalizada comeza o camiño cara á medicina preditiva
Tras a medicina personalizada comeza o camiño cara á medicina preditiva
Medicamentos que se adecúan ao paciente, máis eficaces e con menos efectos secundarios
Medicamentos que se adecúan ao paciente, máis eficaces e con menos efectos secundarios. É a medicina personalizada, que avanza no eido da xenómica en ámbitos como o cancro.
"É onde está agora o futuro da xenómica, intentar mirar esa diversidade de maneira que sexamos capaces de tratar pacientes de forma diferente tendo o mesmo cancro", explica Francisco Martelo, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia.
A Real Academia de Medicina de Galicia acolleu unha charla do doutor Anxo Carracedo, especialista en xenómica, para quen a medicina do futuro ten que ser ademais de personalizada, preventiva.
"Ten que ser preventiva e preditiva. Isto é, saber quen vai ter hipertensión, problemas cardíacos, cancro de colon e poder poñer remedio antes ou cambiar dieta ou hábitos de vida. Isto vai comezar a ser unha realidade inmediatamente para grupos de enfermidades nos que se poida realizar. Predicir alzhéimer non tería sentido porque se non se lle pode poñer remedio para que queres sabelo. Pero para algúns tipos de cancro, para risco vascular, para fracturas de cadeira ou para a osteoporose, vai ser unha realidade no curto prazo".
Para o doutor Carracedo, a medicina do futuro ten que ter o paciente como eixe central e ser equitativa no seu acceso.