Publicador de contidos
Publicador de contidos

Traxedia na Mariña: morren nun accidente en Xove catro mozos de 17 e 18 anos de Ribadeo

Traxedia na Mariña: morren nun accidente en Xove catro mozos de 17 e 18 anos de Ribadeo

O sinistro ocorreu preto da urbanización Palmeiro, no lugar da Rigueira

Sobreviviu o condutor, que está grave, e un dos seis ocupantes

Ribadeo, desolado polo falecemento de catro dos seus rapaces

G24.gal 01/04/2023 17:45 Última actualización 01/04/2023 21:28

Catro mozos menores de 20 anos faleceron este sábado en Xove tras saír da vía o coche en que viaxaban xunto a outros dous ocupantes, un deles, o condutor, que quedaron en estado grave.

Os falecidos son dous mozos de 18 e 19 anos, unha moza de 18 anos e unha menor, todos veciños de Ribadeo, localidade da Mariña lucense que, coma Xove, a menos dunha hora do lugar do accidente, decretou tres días de loito.

O suceso ocorreu pasadas as 9 horas deste sábado no quilómetro 1,1 da estrada provincial LU-P-2604 cando, por causas que se están investigando, o vehículo no que viaxaban seis ocupantes caeu por un terraplén no lugar da Rigueira, moi preto dunha urbanización de vivendas, e tras atravesar varias leiras acabou no medio dun prado.

Como consecuencia da intensidade do choque, catro dos ocupantes faleceron no acto, o condutor quedou ferido grave e foi trasladado ao hospital universitario Lucus Augusti (HULA) nunha ambulancia medicalizada e outro ocupante, o sexto, que parecía non revestir gravidade, segundo o servizo de emerxencias, foi trasladado ao hospital da Costa, en Burela.

Ao lugar do sinistro desprazáronse bombeiros de Viveiro, servizos sanitarios de urxencias, entre eles unha ambulancia medicalizada un helicóptero do 061, o grupo de emerxencias supramunicipal de Cervo, axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén un equipo de psicólogos para atender os familiares das vítimas.

Reaccións políticas

Tras coñecerse o accidente, os representantes políticos galegos, que este sábado participan en actos preelectorais, mostraron as súas condolencias polo suceso. Deste xeito, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, replicou nas súas redes sociais á mensaxe do 112 Galicia no que daba conta do suceso esta mañá:

"Que tristeza e que duro. Quero enviar todo o meu agarimo e apoio ás familias dos falecidos na súa dor, que ten que ser tremendo", escribiu Rueda.

Tamén a líder do BNG, Ana Pontón, aludiu ao accidente nun acto en Lugo, provincia onde se produciu o sinistro. Pontón enviou unha mensaxe de condolencias ás familias dos falecidos no grave accidente de Xove, "no que morreron dous mozos e dúas mozas de Ribadeo", dixo.

"Trátase dun día de dor e sentímolo na alma", continuou a dirixente nacionalista, que transmitiu ás familias das vítimas que neste día "tristísimo" está con elas e desexou ao condutor do vehículo, en estado grave no hospital, que se recupere.

Tamén utilizou as redes sociais o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que asegurou que se sente "conmocionado" ante unha noticia "tan terrible". "Quero enviar todo o meu agarimo aos familiares e amigos das vítimas e acompañalos nesta dor tan inmensa", escribiu.

Tres días de loito en Ribadeo

A corporación do municipio lucense de Ribadeo decretou loito oficial durante tres días, desde este sábado ata o vindeiro luns, 3 de abril, por mor do "tráxico falecemento" de catro mozos da localidade no accidente de tráfico que se produciu esta mañá no concello de Xove, na Mariña lucense.

O Concello de Ribadeo declarou as tres xornadas de loito oficial "como unha forma de solidariedade, condolencias e sincero apoio ás familias das persoas que lamentablemente perderon a vida". "Somos conscientes de que os xestos non acougan a dor", engade o Concello ribadense nunha declaración institucional, pero "mostran a proximidade, a solidariedade e o apoio da corporación municipal de forma unánime". A declaración de loito oficial implica que quedan suspendidos todos os actos oficiais organizados polo Concello de Ribadeo, a través de calquera das súas áreas", así como que as bandeiras da Casa do concello ondearán a media hasta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade