Trece denuncias a un motorista que tapaba a matrícula coa man para eludir un radar en Cataluña
Trece denuncias a un motorista que tapaba a matrícula coa man para eludir un radar en Cataluña
Un radar da estrada entre Matadepera e Sabadell, en Barcelona, captou trece veces nun mes e medio un condutor que tapaba a matrícula mentres pasaba con exceso de velocidade
As sancións ascenden a un total de 3.340 euros e oito puntos do permiso de conducir polo exceso de velocidade, tapar a placa e levala de xeito non regulamentario
Os Mossos d'Esquadra e o Servizo Catalán de Tráfico denunciaron ata trece veces un motorista que ocultaba a matrícula do seu vehículo coa man para eludir un radar situado entre as poboacións barcelonesas de Matadepera e Sabadell, polo que deberá pagar unha multa de 1.040 euros.
O condutor tapaba coa man a matrícula da súa motocicleta cando pasaba polo radar a unha velocidade que superaba a permitida, comportamento que realizou de maneira reiterada entre os meses de marzo e maio deste ano e que motivou que fose denunciado trece veces.
Ademais, o motorista tamén foi denunciado administrativamente por irregularidades no seu vehículo e por exceso de velocidade, infracción esta última pola que lle foi imposta unha multa de 2.100 euros. A investigación dos Mossos iniciouse tras unha comunicación do SCT por mor dunhas imaxes captadas pola cámara deste radar situado na estrada BV-1248, nas que se observa como o condutor dunha motocicleta tapa de maneira voluntaria coa súa man esquerda a matrícula xusto no momento de pasar por diante do mesmo mentres comete outra infracción por exceso de velocidade.
Esta acción cometida polo mesmo condutor e na mesma motocicleta foi captada en trece ocasións, entre os días 16 de marzo e 5 de maio, coa finalidade de eludir as sancións por exceso de velocidade.
A análise das imaxes e as indagacións policiais permitiron identificar o infractor e localizar a motocicleta en Sabadell o día 16 de maio. Dáse a circunstancia, ademais, de que a matrícula desta motocicleta tiña unhas dimensións non regulamentarias e que o tubo de escape tiña unha modificación técnica non permitida.
Por todo iso, este condutor foi sancionado cunha multa de 2.100 euros por exceso de velocidade, de 1.040 euros por tapar a matrícula en 13 ocasións e outros 200 por non levala de maneira regulamentaria. Así mesmo, retiráronselle 8 puntos do carné de conducir.