Tres detidos en Ribeira por tráfico de drogas tras arremeter contra unha patrulla da policía
Tres detidos en Ribeira por tráfico de drogas tras arremeter contra unha patrulla da policía
No vehículo en que viaxaban dúas mulleres e un home atoparon 10 gramos de heroína, nove bolsiñas con esta substancia e cocaína, máis de 200 euros e catro teléfonos móbiles
Axentes da Policía Nacional adscritos á comisaría local de Ribeira, no marco dun dispositivo establecido para a prevención do tráfico e consumo de estupefacientes na vía pública, procederon á detención de dúas mulleres e un home como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de tráfico de drogas.
No operativo establecido, os axentes observaron circulando a bordo dun vehículo aos posteriormente detidos, que tentaron darse á fuga cando se lles dá o alto, logrando os axentes evitalo, non sen antes ser acometidos polo citado vehículo, o que provocou danos nun vehículo policial.
Os axentes procederon ao rexistro do vehículo, localizando nun habitáculo agochado, un envoltorio plástico que contiña máis de 10 gramos de heroína.
Ademais, no seu cacheo persoal localizaron 9 bolsiñas termoseladas que contiñan cocaína e heroína e outros envases plásticos que contiñan mestura de heroína e cocaína, así como diversos útiles para a preparación de dose para a súa venda, tales como recortes plásticos para o envasado en dose e útiles para manipulación de substancias.
Interviñéronlles máis de 200 euros, catro teléfonos móbiles e o vehículo. Despois de tramitar correspondentes dilixencias policiais, os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira en funcións de garda.