Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres detidos por roubarlle con violencia un reloxo valorado en 500.000 euros a un turista en Barcelona

Tres detidos por roubarlle con violencia un reloxo valorado en 500.000 euros a un turista en Barcelona

O xuíz enviou a prisión dous dos acusados do roubo 

O reloxo de 500.000 euros recuperado pola policía
G24.gal 11/06/2023 12:26

Os Mossos d'Esquadra detiveron o venres en L'Hospitalet de Llobregat tres homes como supostos  autores do roubo, o día anterior, dun reloxo de luxo valorado en 500.000 euros a unha persoa á que asaltaron con violencia e lesionaron cando saía dun restaurante de Barcelona.

A Policía Nacional xa lles notificara aos Mossos d'Esquadra a chegada a Barcelona de tres homes procedentes de Italia especializados no roubo de reloxos de luxo. Tan só un día despois,  rexistrouse unha denuncia sobre o asalto a un home á saída dun restaurante, ao que lle roubaron con violencia o seu reloxo e causáronlle lesións leves.

A detención dos tres ladróns, acusados dun delito de roubo con violencia e doutro de lesións leves, produciuse cando saían dun piso que alugaran en L'Hospitalet de Llobregat.

Recuperaron o reloxo

Os axentes puideron recuperar o reloxo subtraído. A investigación, conxunta coa Policía Nacional, iniciouse o mércores, cando este corpo de seguridade informou os Mossos da chegada procedentes de Italia de tres homes especializados no roubo de reloxos de luxo. Por mor desta información, os Mossos activaron a Unidade Territorial de Multirreincidentes e o Grupo Rexional de Investigación chamado Titani, que impulsaron un dispositivo policial para localizar os ladróns.

Froito das indagacións policiais, o xoves os Mossos tiveron coñecemento de que os tres homes se desprazaran ao centro de Barcelona, onde a última hora da tarde abordaron con violencia un home cando saía dun restaurante de luxo da capital catalá, ao que lle roubaron este reloxo valorado en 500.000 euros para despois saír fuxindo do lugar a gran velocidade.

Unha vez localizado o piso no que se agochaban os ladróns, os Mossos despregaron un dispositivo para a súa detención, que se produciu de madrugada cando saían da vivenda. Na entrada e rexistro do piso, autorizada polo xulgado de garda de L'Hospitalet e no que participaron axentes dos Mossos e da Policía Nacional, os axentes recuperaron o reloxo subtraído, que xa lle foi devolto á vítima, e requisaron ademais a roupa que levaban os delincuentes no momento de cometer o roubo. Tras pasaren a disposición xudicial, o Xulgado de Instrución en funcións de garda decretou prisión provisional para dous deles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade