Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres detidos tras unha persecución policial polas rúas de Carballo

Tres detidos tras unha persecución policial polas rúas de Carballo

Os arrestados ían nun coche roubado e investígase a súa implicación en varios asaltos na Costa da Morte

G24.gal 16/04/2024 14:14

Contra as catro da tarde do luns axentes da Policía Local de Carballo conseguían deter dous homes e unha muller que fuxiron polas rúas da cidade nun vehículo roubado. Nas imaxes vese como os sacan do coche e como os esposan.

Todo comezou uns minutos antes. Dous axentes localizaban un Honda Civic de cor gris que coincidía coa descrición dun coche roubado, empregado en varios asaltos na Costa da Morte. Tras comprobar que era o vehículo que buscaban, iniciaron unha perigosa persecución pola zona urbana.

Fontes policiais aseguran que os detidos estiveron a piques de chocar frontalmente contra un turismo e un camión que se cruzaron no seu camiño. Unha persecución que tamén puxo en risco os axentes municipais.

Boa mostra diso é o estado en que quedou o vehículo policial. O coche roubado acabou saíndo da vía e batendo contra unha árbore a escasos metros do colexio Xesús San Luís Romero de Carballo.

Era o final dunha perigosa persecución que afortunadamente acabou sen feridos. A Policía Local trasladou os detidos aos calabozos da Garda Civil de Carballo, onde permanecen baixo custodia á espera de pasar a disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade