Tres días de loito oficial pola parella de Sada falecida nun accidente en Valladolid
Tres días de loito oficial pola parella de Sada falecida nun accidente en Valladolid
Viaxaban xuntos nun camión que chocou frontalmente contra outro na autovía A-6
O Concello de Sada vai decretar tres días de loito oficial en sinal de dó pola parella falecida nun accidente de tráfico en Valladolid. Vivían na parroquia sadense de Osedo, onde todos coñecían a falecida desde nena, cando se trasladou cos seus pais a unha casa do lugar do Castro. Recórdana como unha persoa afable, de sorriso fácil, sempre activa.
A noticia do accidente foise estendendo por Sada co paso das horas. Ela era bastante coñecida porque traballou durante anos no café da Terraza, emblema da vila. Cando pechou esta etapa profesional iniciou unha nova andaina como camioneira, profesión da súa parella actual. O alcalde de Sada, Benito Portela, comunicou o pesar e o apoio de toda a localidade.
"Desde a corporación e en nome de toda a cidadanía de Sada queremos transmitir o noso apoio incondicional ás familias neste momento que supuxo unha conmoción enorme por perder así uns seres queridos dunha forma tan abrupta e tan de súpeto".
Os dous falecidos viaxaban xuntos cando chocaron frontalmente contra outro camión na autovía A-6 á altura da localidade valisoletana de Villlanueva de los Caballeros.