Tres feridos graves tras unha persecución policial desde Tomiño ata Vigo
Tres feridos graves tras unha persecución policial desde Tomiño ata Vigo
Uns ladróns foxen nun coche roubado e acaban batendo contra un camión en Beade deixando varios feridos
Levaran a caixa rexistradora dunha gasolineira en Tomiño antes de emprender unha disparatada fuxida
Tres feridos graves deixa unha persecución de película que protagonizou esta sábado pola mañá a Garda Civil desde Tomiño ata Vigo na procura duns delincuentes.
Tres ladróns roubaron a caixa rexistradora dunha gasolineira da parroquia de Sobrada en Tomiño, para emprender logo unha disparatada fuxida en que romperon unha barreira da AP-9 e acabaron batendo contra un tráiler na nova circunvalación de Vigo á altura do hospital Álvaro Cunqueiro.
O vehículo roubado era un monovolume que impactou en Beade contra un camión deixando catro feridos de diversa consideración.
O servizo de emerxencias do 112 recibiu o aviso do accidente da Garda Civil nas inmediacións da rotonda da VG-20 en Beade e coordinou un equipo de servizos sanitarios, bombeiros, Policía Local e Garda Civil de Tráfico.
Os tres pasaxeiros do monovolume quedaron atrapados tras o accidente e foron liberados polos bombeiros e logo trasladados con prognóstico grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro. O condutor do camión tamén resultou ferido.
Os axentes comprobaron que o vehículo fora roubado en Vigo e que no seu interior contiña diversos obxectos roubados. A Garda Civil xa abriu unha investigación para esclarecer os feitos.