Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres traballadores galegos falecen tras colidir a furgoneta en que viaxaban contra un camión no Bierzo

Tres traballadores galegos falecen tras colidir a furgoneta en que viaxaban contra un camión no Bierzo

Un dos falecidos é veciño de Carballo e outro de Coristanco

A furgoneta sinistrada recollera o terceiro falecido e un dos feridos na comarca de Valdeorras

A persoa que alertou do accidente precisou que na furgoneta tres dos seus ocupantes estaban atrapados e non podían abandonar o vehículo

G24.gal 16/09/2024 12:37 Última actualización 16/09/2024 14:24

Tres persoas faleceron e outras dúas quedaron feridas este luns na colisión frontal entre un camión e unha furgoneta 'pick up' dunha empresa galega no quilómetro 398 na estrada N-VI, ao seu paso polo municipio de Carracedelo, na comarca leonesa do Bierzo, informa o servizo de emerxencias 112 de Castela e León.

A furgoneta accidentada está rotulada co nome da empresa Pinturas Gis, con sede en Carballo. Dous dos falecidos son veciños desta localidade e o outro é natural de Coristanco. Un dos falecidos, de 49 anos, é veciño da parroquia de Entrecruces, en Carballo. Outro, de 43 anos, casado e con catro fillos, é natural de Erbecedo e veciño de Traba, ambas as dúas parroquias de Coristanco. O terceiro morto é un compañeiro de empresa de orixe suramericana. Todos eles viaxaban na camioneta sinistrada. Con eles ía un cuarto home, tamén suramericano, que quedou ferido moi grave. O vehículo en que viaxaban os catro recollera estes dous últimos traballadores na comarca de Valdeorras.

Unha chamada alertou ás 9:20 horas do accidente o 112, que activou a Garda Civil de Tráfico, os bombeiros de Ponferrada e a Emerxencias Sanitarias-Sacyl, que enviou ao lugar dúas ambulancias de soporte vital básico, unha UVI móbil, o persoal sanitario do centro de saúde de Cacabelos e un helicóptero medicalizado.

A persoa que alertou do accidente precisou que na furgoneta tres dos seus ocupantes estaban atrapados e non podían abandonar o vehículo. 

O persoal sanitario que acudiu ao lugar confirmou o falecemento de tres persoas, e atendeu dous feridos, un que foi asistido no lugar e outro trasladado ao Hospital de León en helicóptero medicalizado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade