Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína: un ano da guerra que devolveu o horror a Europa

Ucraína: un ano da guerra que devolveu o horror a Europa

A ONU cifra en 8.000 os civís mortos no conflito, que deixa máis de oito millóns de refuxiados 

Historias dun país en guerra: as vítimas relatan en primeira persoa as súas consecuencias

 

G24.gal 23/02/2023 23:00 Última actualización 24/02/2023 10:54

Estas tres palabras de Vladimir Putin, "operación militar especial", bastaron o 24 de febreiro de 2022 para cambiar a orde mundial.

A intención de Rusia era levar a cabo unha guerra lóstrego para tomar os territorios de Donetsk e Luhansk, avanzar cara a Kíiv e destituír a Volodimir Zelenski.

Pero o presidente ucraíno cambiou o traxe de civil pola indumentaria militar e púxose á fronte da resistencia de todo un país.

O apoio dende Washington, Bruxelas e a OTAN a Kíiv freou a ofensiva do Kremlin ata converter a invasión nunha guerra longa que se libra por terra, mar e aire.

O exército de Putin pretendía conectar Crimea coas rexións separatistas, así que a ofensiva arrancou dende o sur e o noroeste de Ucraína con obxectivos estratéxicos como a maior central nuclear de Europa, a de Zaporiyia, aínda en mans rusas.

En Bucha foron asasinados 400 civís nas primeiras semanas da guerra En Bucha foron asasinados 400 civís nas primeiras semanas da guerra

Coma toda guerra, quedan as imaxes do sufrimento da poboación civil, e algúns nomes que quedarán asociados para sempre á barbarie.

Mariupol foi escenario dun cerco durante meses en que a aviación rusa destruíu un hospital materno infantil, bombardeou un teatro en que se refuxiaban civís e asediou a aceiría de Azovstal.

En Bucha foron asasinados 400 civís, e 300 en Irpin. Masacres polas que Rusia está acusada de crimes de guerra.

A resistencia de Ucraína durante este ano baseouse na fortaleza dunha poboación decidida a aguantar e plantarlle cara ao invasor. E tamén no apoio loxístico de Occidente, que achegou axuda militar por valor de 106.000 millóns de euros.

Dende todas as tribunas en que intervén, Zelenski reclama máis medios para a defensa do seu país, incluídos cazas F-16 ante unha previsible escalada da ofensiva de Putin.

Tras un ano de guerra, Rusia controla o 18 por cento do territorio ucraíno. Entre avances e repregamentos, e disipada calquera esperanza dunha negociación entre as partes, o conflito corre o risco de cronificarse entre cifras dramáticas.

A ONU fala de 8.000 civís falecidos e 13.300 feridos, malia que o número real pode ser moito maior. Case 200.000 soldados rusos morreron en combate, segundo a intelixencia estadounidense, e uns 30.000 ucraínos.

Hai oito millóns de desprazados, o 19 % da poboación de Ucraína, no maior éxodo en Europa dende a Segunda Guerra Mundial.

Amais do drama humanitario, o conflito tamén provocou unha nova crise económica global.

Pero sobre todo devolveu a Europa o drama dunha das guerras máis sanguentas dos últimos dous séculos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade