Ucraínas refuxiadas en Galicia buscan emprego para poder saír adiante
Ucraínas refuxiadas en Galicia buscan emprego para poder saír adiante
Despois de meses subsistindo de axudas, din que só lles quedan cartos para un mes, e buscan traballo para normalizar a súa vida
A Asociación Girasol fai un chamamento para que quen poida botarlles unha man se poña en contacto con ela
Ao drama da emigración forzosa que sofren as mulleres ucraínas por mor da guerra agora engádese o problema da subsistencia. Moitas delas chegaron co posto e os poucos cartos que podían traer nas súas tarxetas de crédito estanse a esgotar. Despois de meses sen ter ingresos, comeza o reto de atopar traballo para ducias delas.
A súa vida estalou en anacos igual que as cidades das que veñen. Din que teñen o suficiente para aguantar un mes. Despois das primeiras axudas, buscan traballo desesperadamente para poder normalizar a súa vida.
"Hai que ser realistas. Onde máis fácil se atopa traballo é na hostalería. Hoteis, restaurantes, cafeterías. Non pode ser de cara ao público porque aínda non saben ben o idioma, pero de axudantes de cociña, limpeza e cousas así", afirma Marta Skyba, presidenta da Asociación Girasol, que lles está a botar unha man.
"O 95 % teñen títulos superiores, pero tárdase como mínimo tres anos en conseguir a homologación e fai falla un nivel alto de español, que en poucos meses non se pode conseguir", explica Marta, quen xa leva nove anos en Galicia e ofrece o correo electrónico a todas as persoas que queiran contactar con ela: agu.girasol@gmail.com.
Están a aprender o idioma de xeito acelerado. A maioría teñen formación superior. Avogadas, enxeñeiras, médicas ou economistas.
Yulia Zaraiska é enxeñeira e economista, traballaba nunha empresa que fabricaba co sistema Climalit: "Teño nivel alto de inglés. Podo traballar como axudante de asuntos técnicos, directora, administrativa ou en atención ao cliente por teléfono, se a atención require inglés avanzado".
Liudmyla Ryndia era xefa de persoal nunha empresa de automación, tiña ducias de empregados ao seu cargo: "Non sei como vou atopar traballo sen saber o idioma, se o soubese xa o faría".
Están agradecidas polo acollemento que tiveron aquí, pero non queren vivir de axudas. Están listas para ocupar calquera posto de traballo, mentres non poidan volver para reconstruír o seu fogar.