Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda aposta por reeditar a alianza da 'Declaración de Santiago' na negociación do financiamento

Rueda aposta por reeditar a alianza da 'Declaración de Santiago' na negociación do financiamento

O presidente da Xunta avisa que o financiamento ou é "solidario" ou "será letal" para Galicia

Insta ao Goberno a cumprir o prometido en materia ferroviaria e avisa que non aceptarán “tomaduras de pelo” coma a visita do comisionado do Corredor Atlántico

Amósase partidario de regular o novo modelo de vivendas turísticas pero con "diálogo" e "sen demagoxias"

Alfonso Rueda durante unha entrevista na Radio Galega
G24.gal 30/06/2024 14:30

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou na Radio Galega por reeditar a alianza da Declaración de Santiago ante a eventual reforma do sistema de financiamiento autonómico. Nunha entrevista en A Crónica, Rueda apelou á filosofía que inspirou en 2021 a declaración institucional do «Foro Santiago, Camiño de Consenso» subscrita por oito comunidades autónomas de distinto signo político daquela -entre elas a galega coma anfitrioa- e que lle propuña ao Goberno que os fondos do Estado se repartisen consonte, entre outros, unha nova ponderación por grupos de idade a partir dos 65 anos e no que se teñan en conta criterios como a dispersión ou o avellentamento.

Para o presidente da Xunta, o novo modelo de financiamento “debe ser discutido entre todos” e lembra que o acordo entre comunidades de diferentes cores é posible e xa se fixo hai tres anos pero considera que ten que ser o Goberno o que convoque para abordar o tema.  Explicou que “iso está plasmado nun documento que se chama “Declaración de Santiago” e o que diciamos era que, cando nos chame o Goberno, levaremos estes principios común porque ademais iso fai máis fácil a negociación. Se hai unha serie de comunidades autónomas que máis ou menos pensamos o mesmo sobre o financiamento. O problema é que isto foi hai tres anos e nunca nos chamaron e seguen sen chamarnos".

"Claro que é posible falar entre nós se o Goberno central quere falar. Se só quere seguir falando con Cataluña, con País Vasco e con ninguén máis, pois así será imposible”. 

O presidente da Xunta tamén avisa que o financiamento “debe ser discutido entre todos” e non facelo cando “unha parte do global a repartir xa non existe porque xa a colleron outros á súa conveniencia” polos intereses -apuntaba- de Pedro Sánchez. Rueda alerta de que “ou o financiamento autonómico  é solidario entre todos e é igual entre todos e se discute entre todos, ou dende logo para Galicia será letal. Isto teno que entender todo o mundo, os nacionalistas sábeno pero non o queren recoñecer”. 

Pídelle ao Goberno que cumpra os compromisos pendentes en materia de Infraestruturas

O presidente da Xunta pídelle ao Goberno central, en concreto ao Ministerio de Transportes, que cumpra cos compromisos con Galicia como a activación en outubro de máis trens AVRIL, máis prazas e máis frecuencias e “hai que ver que está pasando cos atrasos e coas avarías”. Rueda asegura que se isto se concreta no prazo previsto o aplaudirán, pero ao mesmo tempo avisa que non aceptarán “tomaduras de pelo” como na súa opinión foi a reunión co comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico Ferroviario e que se concretaba esta semana tras un ano e medio pedíndoa. Segundo o titular do Executivo galego, que dixo non estar “nada satisfeito” co encontro, na reunión “apareceron sen un só papel, viñan a escoitar nada máis, sen ningunha concreción, que xa nos pasarían os papeis”. 

Sobre a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, o presidente da Xunta insiste na reclamación da transferencia a Galicia e di agardar que “desta vez sexa a definitiva” e na gratuidade comprometida -lembrou- polos socialistas na campaña electoral das galegas. Tamén tivo palabras para o BNG, do que lembrou que dixeran ter conseguido grandes descontos no pacto de investidura de Pedro Sánchez pero -pola contra segundo Rueda- o único que aconteceu foi “todo o contrario” ao se rexistrar na AP-9 “a maior suba de peaxes en todas as autoestradas de España”. 

“Eu agardo que desta vez sexa a definitiva e agardo que non volva haber bloque por parte do Partido Socialista en Madrid. Eu teño claro que o meu partido en Madrid o vai favorecer. Espero que o Partido Socialista faga o mesmo e teño claro tamén que se xestiona dende aquí as cousas poden mellorar”. 

Unha aposta polo turismo sustentable

En pleno comezo do verán de 2024, o presidente da Xunta prognostica outro grande ano para o turismo en Galicia e introduciu tamén o concepto de “turismo sustentable” como modelo polo que dixo apostar. Así mesmo amosouse partidario de regular o que denominou coma “novo fenómeno” como é o das vivendas turísticas, pero “falando con todo o mundo”, co “consenso do sector” e “sen medidas de cara á galería”. Para o presidente da Xunta, “hai que ser valentes para tomar medidas pero deben ser consensuadas e non se deben facer por demagoxia ou por crer que os problemas se solucionan con prohibición”. 

“Eu creo que si hai que regular un novo fenómeno como é a vivenda turística pero hai que facelo falando con todo o mundo". 

Plan especial do Sergas para paliar a escaseza de médicos

O presidente da Xunta tamén falou do Plan Especial do Sergas para o Verán para paliar a falta de médicos e que está dotado con 12 millóns de euros. Fixo un chamamento á tranquilidade, dixo que “este verán pode haber algunha situación puntual pero está planificado para que as cousas estean razoablemente ben”. O que si aproveitou foi para afearlle ao Ministerio de Sanidade e en particular a súa responsable a falta de propostas para axudar ás comunidades. Segundo Rueda, "hai medidas que o Ministerio tamén tería que tomar e que contribuirían a solucionar o problema polo menos en parte, en toda España, que non toma porque hai unha ministra que é unha especie de comentarista que está vendo o que facemos os demais, que todo critica, nada lle parece ben pero non achega nada, nin unha soa solución”.

“Eu quero lanzar unha mensaxe de tranquilidade porque este verán pode haber algunha situación puntual pero todo esta planificado para que as cousas estean razoablemente ben”.

En materia industrial e a futura norma de simplificación de trámites ambientais, o presidente da Xunta garante que “non se autorizará ningunha industria, ningunha actividade, que non cumpra rigurosamente coa normativa ambiental pero isto é posible facelo e ao mesmo tempo eliminar burocracia”.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade