Últimas pegadas do Entroido en Galicia
Cortegada acolleu o seu desfile, e en Padrón celebraron o que fora suspendido no seu día polo mal tempo
En Pontevedra puideron por fin enterrar o papagaio Ravachol
O Entroido resístese a marchar na provincia de Ourense. Este sábado, máis dun milleiro de persoas desfilaron polas rúas de Cortegada nunha animada xornada festiva, chea de imaxinación.
O tranvía do Entroido fai parada na estación de Cortegada. A mediados xa de marzo, os ourensáns resístense a despedir a súa festa máis popular.
"Porque nos gusta moito o Entroido, ao neno gústalle moito disfrazarse e, como era a última oportunidade, aquí estamos". "Desfrutámolo con máis ansia por ser o último", comentan dous participantes.
Tras semanas de traballo en carrozas, disfraces e comparsas, hai que aproveitar toda oportunidade de lucir o resultado. Ata aquí desprazáronse grupos de toda a contorna e tamén de fóra da provincia, ben caracterizados para a ocasión.
"É un traballo arduo, entón está moi ben que se expanda no tempo para poder lucir o que fixemos". "Imos representando un galiñeiro, con faisáns, raposos, pavos reais, os campesiños, o galo que é a estrela...", sinalan dúas participantes, de Ponteareas e O Irixo.
Unha colorida exhibición das máis ocorrentes ideas. Hai grupos multitudinarios, de máis de cen persoas algún, actores solitarios ben sufridos e parellas moi compenetradas.
A derradeira xornada de festa neste concello que despide o Entroido coa queima do seu meco, o Zamaruco.
Desfile tamén en Padrón, xa que tivera que ser suspendido no seu día por mor do mal tempo. Pero a demora non lle fixo perder nin elegancia nin sorna. O mundo do cinema, da danza e dos seres fantásticos déronlles a despedida a estas semanas de desenfreo e escarnio público.
En Pontevedra, Ravachol
A chuvia da semana pasada obrigara tamén a pospoñelo, e en Pontevedra recuperaron este sábado o enterro do papagaio Ravachol. Centos de persoas despedían así o Entroido.
Este funeral e cremación de Ravachol incorporouse no ano 1985 ao Carnaval moderno pontevedrés e hoxe é a tradición do Entroido máis querida e na que máis participan os veciños. Antes da queima, a praza da Verdura foi o escenario do velorio que precede o desfile da Santa Compaña. Este ano Ravachol é un director de cine como homenaxe a unha cidade que acolleu os premios Feroz. O que non cambia son as bágoas, o loito e a arte das pontevedresas.