Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un accidente entre dous camións bloqueou durante máis de dúas horas a circulación en Pedrafita

Un accidente entre dous camións bloqueou durante máis de dúas horas a circulación en Pedrafita

Tráfico logrou abrir un paso alternativo para evitar o colapso do tránsito de entrada e saída de Galicia ata que xa se logrou recuperar a normalidade na N-VI

A vía emprégase como desvío desde a derruba hai máis dun ano do viaduto do Castro na Autovía do Noroeste

G24.gal 26/05/2023 10:24 Última actualización 26/05/2023 14:22

Un accidente entre dous camións ocorrido pouco antes das oito da mañá, a altura da localidade da Veiga de Valcarce, no Bierzo, mantivo bloqueada a entrada e saída de Galicia a través da estrada Nacional VI en Pedrafita durante máis de dúas horas.

Os dous vehículos pesados bateron e un deles quedou sobre a calzada, cortando nese momento a circulación por esta vía que se emprega como desvío desde que hai máis dun ano caera o viaduto do Castro na Autovía do Noroeste (A-6).

Segundo as primeiras pescudas, o que subía en dirección a Pedrafita invadiu o carril contrario e chocou contra a cabina do outro vehículo implicado no sinistro. Como consecuencia, o condutor deste último tivo que ser hospitalizado.

Un dos camións, que transportaba latas de atún, quedou atravesado no carril que baixa en sentido a Madrid, á espera de que unha nova cabeza tractora puidese levar o remolque.

"Un guindastre ten que aguantar o remolque, meterlle outro camión debaixo, enganchar o remolque e sacalo de aquí para axilizar o tránsito pola estrada", di Rafael Castro, encargado dunha das empresas de transportes implicada no sinistro.

Como resultado, esta entrada a Galicia permaneceu cortada durante horas. Daquela, formáronse retencións quilométricas, ata que se abriu ao tráfico un dos dous carrís e os vehículos puideron comezar a circular, de forma alterna, nun e noutro sentido.

Ethel Vázquez pide que o Goberno "reaccione"

Tras ter coñecemento dun novo sinistro na estrada Nacional VI na zona de Pedrafita, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, Ethel Vázquez, afirmou este venres que “ese novo accidente era cuestión de tempo” e pregúntase “que máis ten que pasar” para que “o Goberno e o Ministerio de Transportes reaccionen”.

“O certo é que a ministra de Transportes veu a Galicia en campaña electoral e confirmou unha pésima noticia. O rexeitamento do Goberno de España á reconstrución simultánea dos viadutos colapsados na A-6”, dixo Vázquez en declaracións aos medios de comunicación.

Na mesma liña, lembrou que “a A6, que é unha infraestrutura fundamental, a día de hoxe está pechada”. “Ao Goberno de España solicitámoslle dúas cousas, unha alternativa viable e segura para o desvío do tráfico e a reconstrución simultánea dos viadutos”, afirmo a responsable de Mobilidade. “Non é un capricho, é unha necesidade”, resolveu. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade