Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os sobreviventes e cinco falecidos no naufraxio chegan a Santiago o luns

Os sobreviventes e cinco falecidos no naufraxio chegan a Santiago o luns

As outras catro vítimas repatriaranse ao Perú, o seu país de orixe

Pedro Sánchez viaxará a Galicia para recibir os mariñeiros

Doce mariñeiros, a metade da tripulación, continúan desaparecidos 

O avión A-400 engala dende a base militar de Zaragoza
G24.gal 20/02/2022 08:03 Última actualización 17:00

Un avión A-400 do Exército do Aire engalou ás 10:00 horas deste domingo dende a base militar de Zaragoza para repatriar os tres sobreviventes e os corpos de cinco dos falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo en augas canadenses. As outras catro vítimas repatriaranse ao Perú, o seu país de orixe.

Tras sete horas e media de voo, está previsto que o avión chegue a Terra Nova sobre as 17:30 horas e que regrese a España este luns, ao aeroporto de Santiago de Compostela, ao redor das 18:00, segundo informou o tenente Espigares.

O embaixador de España nese país, Alfredo Martínez Serrano, e as autoridades consulares españolas recibirán a aeronave. Desde que se comunicou o naufraxio, o vicecónsul honorario mobilizouse ata a chegada, poucas horas despois, do cónsul xeral de España en Montreal.

Segundo a Presidencia do Goberno, o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (MAUC) traballa en coordinación cos servizos do Goberno de Terra Nova e Labrador "para que a repatriación se realice con todas as garantías e canto antes, informa as familias dos mariñeiros en todo momento e mantén activo un Plan de Asistencia Consular".

Identificación dos falecidos

Na xornada deste sábado completouse o traslado a porto, a bordo do pesqueiro galego Playa de Menduíña 2, dos tres sobreviventes e dos nove falecidos. Unha vez identificados, trasladáronlle a información correspondente ás súas familias. 

A Delegación do Goberno en Galicia, en nome do Goberno español, agradeceu o "excelente traballo e compromiso" das autoridades canadenses e do consulado, así como a colaboración e coordinación coa casa armadora.

Tamén reiterou o seu "total apoio e pesar" ás familias dos doce desaparecidos que aínda non foron rescatados e dos falecidos, polos que o Goberno decretou loito oficial o vindeiro luns.

O Villa de Pitanxo naufragou o pasado martes no Gran Banco de Terra Nova, a uns 460 quilómetros ao leste do porto de San Xoán.

Sánchez viaxa este luns a Galicia

O presidente do Goberno viaxará este luns a Galicia para recibir os mariñeiros sobreviventes e cinco dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo.

Segundo informa o Executivo, Pedro Sánchez desprazarase a Galicia ás 18:00 horas, cando está previsto que aterre en Santiago de Compostela o A-400 do Exército do Aire.

Polo momento, hai nove mariñeiros falecidos e doce desaparecidos Polo momento, hai nove mariñeiros falecidos e doce desaparecidos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade