Un camión con polietileno que ardeu na Cañiza obrigou a cortar o tráfico na A-52
Un camión con polietileno que ardeu na Cañiza obrigou a cortar o tráfico na A-52
O condutor multiplicaba por sete a taxa de alcol permitida
A circulación restableceuse logo de media hora co tráfico desviado a través da vella N-120
Quedábanlle poucos quilómetros para chegar ao destino cando un tráiler coa cisterna chea de pequenas bólas de polietileno saíu da vía, envorcou e empezou a arder. Nun primeiro momento, desatouse o caos, ante o temor de que a carga fose perigosa: "Gardáronse as distancias de seguridade por se había risco de explosión, pero ao confirmarse o produto xa se descartou", explica Gustavo Vázquez, sarxento dos Bombeiros do Porriño.
Alcolemia positiva
O condutor do camión saíu polo seu propio pé e fixéronlle alí mesmo a proba de alcol. Deu 1,05, cando o máximo legal é de 0,15. Desde o 112 mobilizaron un helicóptero medicalizado, pero finalmente foi trasladado en ambulancia. Trátase dun home duns 53 anos, de orixe polaca, que transportaba a carga desde Zaragoza, con destino a fábricas do Porriño.
Os labores de extinción prolongáronse durante horas debido a que a carga era altamente inflamable. O lume afectoulle á cabeza tractora e ao remolque. O traballo dos bombeiros obrigou a cortar ao tráfico a autovía, un carril en sentido Ourense e os dous en sentido Vigo, desviando a circulación entre Ribadavia e A Cañiza pola nacional 120.
"Tivemos que meternos dentro da cisterna, cortar coas radiais, logo o polietileno solidificouse, había que cortar capas de polietileno para chegar aos focos que estaban dentro...", explica Gustavo Vázquez.
Participaron 10 efectivos, do Porriño, de Ponteareas e do GES de Ribadavia, ademais da Garda Civil de Tráfico.