Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un cento de menores peregrina a Santiago por sentenza á procura doutra oportunidade

Un cento de menores peregrina a Santiago por sentenza á procura doutra oportunidade

Participan no proxecto Camiño dos Valores promovido pola xuíza canaria Reyes Martel

Son adolescentes en situación de vulnerabilidade social ou con medidas tutelares xudiciais

G24.gal 02/10/2022 14:49 Última actualización 02/10/2022 18:12

Son xa seis edicións da iniciativa do Camiño dos Valores, organizada pola Asociación Depende de Ti, que, a través do Camiño de Santiago en Gran Canaria e tamén en Galicia, pretende reconducir o futuro de menores con medidas xudiciais ou en situación de risco social.

Tras empezar a ruta en Melide, este domingo o grupo de cento vinte rapaces e rapazas chegaba á praza compostelá do Obradoiro, onde asistían a unha recepción oficial.

"Dáste conta das cousas, que outras persoas pasaron polo mesmo e decátaste de que si se pode superar, que si que serve", comenta Kartik, un dos participantes na iniciativa.

Unha xuíza canaria está detrás do proxecto, que pretende darlles unha nova oportunidade a menores con problemas que pasan polo seu xulgado e aos que sentencia peregrinar co obxectivo de descubrir o sacrificio para conseguir unha meta, pero tamén o de compartir con outros compañeiros.

"Todos cometemos erros, eles a moi curta idade por diversas circunstancias. Poden seguir unha vida normal, se se traballa de xeito adecuado, se se intervén. Non só unha vida normal: moitos deles destacan", sinala Reyes Martel, maxistrada de menores nos xulgados das Palmas e principal impulsora da iniciativa.

A experiencia ensínalles a aproveitar as segundas oportunidades, pero tamén aos propios maxistrados a apreciar novos enfoques para asegurar o seu futuro.

"No Camiño a xente ábrese máis, conta o seu tema máis íntimo e podemos compartir opinións e axudarnos entre nós", asegura un mozo procedente de Malí, que, tras superar os seus problemas xudiciais, hoxe cursa unha carreira universitaria.

"Esa convivencia ponos a proba, e esas probas supéranas sobradamente. E isto é unha aprendizaxe para a vida", conclúe a maxistrada do xulgado de menores en Madrid, Eva Saavedra.

Os mozos e as mozas que participan nesta iniciativa proceden de toda a xeografía española e algúns deles empezan a sumarse de xeito voluntario, porque, como insisten os responsables do proxecto, a vida é caer, pero tamén erguerse de novo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade